Música, teatro, cine, exposicións e actividades é a proposta para o verán ribadense

AMariñaXa
Música, teatro, cine, exposicións e actividades para nenos é a proposta de verán para a axenda cultural de Ribadeo
peirao rinloactuacion danza
3 Xul 2021

A Concellaría de Cultura presentou a programación para este verán que contará con cine, teatro de rúa en cinco localizacións da vila, exposicións, actividades para as crianzas, concertos da Banda Municipal de Música, dous novos concertos do proxecto Versión Fin, en Rinlo e en Cedofeita, ou a actuación de Xacarandaina son outras das propostas para o terceiro trimestre do ano en Ribadeo. 

A película Emigración galega. Cultura de partida, culturas de destino ocupará a segunda fin de semana de xullo. Proxectaranse tres películas arredor de países de chegada, Os últimos de Filipinas, Guantanamera e Roma, poñendo o foco respectivamente en Cuba, México e Filipinas.

Por outra banda, haberá teatro de rúa en cinco localizacións da vila a cargo doutras tantas compañías organizadas polos integrantes do colectivo As Vacas Fracas. Esta actividade terá lugar o sábado, á tarde-noite, e o domingo pola mañá. Inspiradas na saída dos emigrantes, estas pequenas montaxes teatrais suporán un percorrido guiado para grupos limitados de persoas, comandados por ciceronas, e para os que haberá que reservar praza. O achegamento ao pasado migratorio vaise completar, no seu momento, cun mural de Joseba Muruzabal na parte histórica da vila, e non será o único.

En canto á música, contarén con Narcis Rodríguez, no mes de xullo, e un ano máis co ciclo Soa Forte, no Forte de San Damián. Catro domingos de agosto acollerán as actuacións de Remakers, Beetle Judge, Roma e Astra. Tamén acollerán a programación Orballo Cultural, os días 30 e 31 de xullo, con catro concertos moi especiais que aínda non se coñecen.

Ademais baixo o abano do Festival Bal y Gay, a música clásica estará representada polo concerto do pianista Javier Perianes, e outro de tipo didáctico para as crianzas. Tamén están previstas actuacións nas residencias de maiores de Ribadeo. Ademais unha das formacións máis senlleiras no eido da música e do baile tradicional, Xacarandaina, actuará tamén da man de Quique Peón o 24 de xullo. A nosa Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá os concertos do Día da Patria, de Música de Cine e do Día da Patroa. Mestura de música audiovisual son os dous concertos restantes do proxecto Versión Fin, levado a cabo polo director de cine documental e de ensaio Iván Torres e, na última fin de semana de agosto, farase a proxección ao aire libre na praza de Rinlo, un día, e nos xardíns do Pazo de Cedofeita, o outro.

No apartado expositivo atópase a mostra de fotografía submariña do Galeón de Ribadeo e en agosto a oficina de turismo acollerá as pezas de modelismo naval de Baldomero Bellón e no Forte de San Damián teremos oportunidade de ver a colección de cunchas e fósiles de David López. Ademais vai ser impresionante para todos os visitantes do Forte a mostra de fotografía que vai ocupar as súas salas con imaxes de África, centradas na muller africana e no seu papel de nai, o título é A nai que nos paríu e a autoría e de Nacho Samper e Nacho Carballo. Durante todo o verán, xestionadas pola área de Turismo, ofreceranse visitas guiadas, visitas teatralizadas e xeorutas polo noso concello. Pódese obter máis información sobre estas visitas e rutas na web de Turismo do Concello de Ribadeo. Finalmente ocupará a rúa a exposición de fotografías que Xulio Xil lle fixo a Xela Arias, a autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas. Ademais una mostra de diferente cariz é a que, tamén en exterior, quere achegarnos a unha alimentación sa, o título é Alimentación cotiá, unha ollada ao pasado e ao presente.

A Agrupación Cultural Francisco Lanza, celebra os seus cincuenta anos poñendo en valor a cultura galega en xeral e a ribadense en particular, cunha programación que organizada co Concello de Ribadeo, en dous días, vai incluír música, recitados e percorridos culturais. En canto ao teatro para adultos, e ao abeiro do ciclo Escena Norte da Xunta de Galicia, a compañía cántabra Anabel Díez Producciones presentará no noso auditorio municipal La casa de Bernarda Alba. Para as crianzas, este verán xa podemos confirmar a presencia de Pakolas e de Peter Punk, así como o concerto didáctico de música clásica dentro da programación que se fai en colaboración co Festival Bal y Gay.

Xa en setembro o Concello quere aproveitar ese período máis tranquilo de comezo das clases para garantir que o maior número posible de nenas e nenos coñeza as artes escénicas. Cos dous colexios de Ribadeo, organizado pola Biblioteca Municipal a través do programa Ler conta moito, imos asistir aos espectáculos de Raquel Queizás Teatro dos Ghazafelhos e Moc Moc Mere Clown. A maiores, eses mesmos centros poderán gozar da exposición Kinético, con pezas articuladas ideadas pola compañía Trécola. Fora do horario escolar, a finais de setembro, a área de Xuventude organiza Orienta Ribadeo, unha proba de aventura para toda a familia.

0.19144296646118