Música, poesía, gando e moitas máis actividades nas Quendas de Mondoñedo

AMariñaXa
Mondoñedo celebrará as súas tradicionais feiras e festas de As Quendas entre o venres 29 de abril e o domingo 1 de maio
Mondonedo quendas quendeiros 2022   Erea, Mario Jordi2
27 Apr 2022

Mondoñedo está preparado para celebrar as súas tradicionais Feiras e Festas de As Quendas.   Asociación As San Lucas dá a coñecer o programa completo desta edición, que se celebrará na cidade entre este venres 29 de abril e o domingo 1 de maio.

O presidente da Asociación organizadora, Miguel Souto, explica que un ano máis a programación de As Quendas busca “a posta en valor tanto do noso campo, apoiando aos gandeiros e ás razas autóctonas, como da nosa cultura, con actividades como son Mondoñedo é Poesía ou a obra teatral ‘Nais’”.

Esta feira é unha das de máis tradición de toda Galicia vénse celebrando en Mondoñedo desde 1541 (hai xa 481 anos). Esta edición arranca este venres 29 de abril co pregón que pronunciará no auditorio Pascual Veiga, ás 20:30 horas, Claudia del Pino Martínez, profesional do turismo, formadora e guía de turismo oficial, traballou na oficina de turismo de Mondoñedo e é colaboradora habitual da Asociación As San Lucas

Este primeiro día das festas tamén ten outros protagonistas da casa, que son os ‘quendeiros’ e a ‘quendeira. Erea Díaz Fernández, de 5 anos, así como Mario e Jordi Domenech Val, tamén de 5 anos presidirán durante esta fin de semana os festexos deste ano. O presidente da Asociación organizadora di que estes nenos e nenas son os que “simbolizan a continuidade da tradición”.

A música na Alameda o venres 29, vén da man do Grupo Fusión, dende as 22.00 horas.

NAIS

O sábado 30 de abril, ás 20:00 horas, no Auditorio Pascual Veiga terá lugar a estrea da comedia Nais de Marc Egea e dirixida por Javier Mariño. A historia xira arredor de dúas nais novas, ás que dan vida a coñecida colaboradora do Land Rober Eva Iglesias e a presentadora Inma Morandeira, e que se enfrontan a dúas maternidades moi diferentes. Unha comedia teatral, que tal e como explica Miguel Souto,  estrease en Mondoñedo e “de seguro nos fará rir, algo moi necesario tras a situación de pandemia que vivimos”.  As entradas están a venda no portal www.woutick.es .

Durante o mesmo sábado, a cidade acollerá outras actividades culturais como o espectáculo de títeres de guante A Familia Unida de Mircromina Títeres, ás 17:00 horas, no feiral diante da igrexa dos Remedios.

A verbena do sábado, comezará sobre as 21.30 horas, coa música das orquestras Ritmo Joven (que tamén toca na sesión vermú) e o Grupo Eureka.

DÍA GRANDE DAS FESTAS

O día grande das festas, o domingo 1 de maio, será a xornada na que gocen de especial relevancia os produtos de proximidade e as razas de gando galego. Dende as 9:00 horas, celebrarase a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar no Campo da Feira. Xa ás 13:30 horas será a entrega de premios do concurso de gando.

Celebrarase a XXXVII Festa da Empanada.  Nos locais de hostalería mindoniense serviranse tapas deste produto e venderanse empanadas na Alameda. A partir das 12.00 horas, tamén neste enclave terá lugar a VII edición do obradoiro de amasado artesán: elaboración, enfornado e cocido da empanada. Unha actividade aberta a todas as persoas interesadas en coñecer o proceso de elaboración do pan e da empanada, dous dos produtos típicos da cidade.

Ás 11:30 horas, terá lugar a III Xuntanza de Vespas, Lambretas e Clásicas As Quendas, na Praza da Catedral. Farán un percorrido polas rúas mindonienses ata a Alameda. A inscrición para participar faise nos teléfonos 689 008 073 e 670 801 034. O prezo é de 18 euros e inclúe xantar.

A música corre a cargo da orquestra La Favorita, na Alameda, que tamén ofrecerá sesión vermú.

E como se vén facendo dende 2014, a actividade cultural Mondoñedo é Poesía desenvolverase tamén durante esta xornada convertendo a Mondoñedo o día 1 de maio na capital galega da poesía.  Mondoñedo é Poesía chega a súa oitava edición, convocando en Mondoñedo os amantes do verso dito, recitado, cantado, musicado ou visual.

Este ano a programación de Mondoñedo é Poesía inclúe o concerto ‘Cantos de Poeta’ do grupo galego-catalán Gelria, no mesmo auditorio, a partir das 19.30 horas. Gelria, fundado en 2014, pon música a textos de autores clásicos galegos, como Rosalía, Curros ou Cunqueiro e actuais como Manuel Rivas ou Chus Pato. Formación para este concerto: Rubén Fernández (voz), Federico Mosquera (piano), Mario G. Cortizo (percusión) e Pablo Pérez (contrabaixo).


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18129587173462