Música, degustacións e ruta na Romaría de Santo Estevo do Ermo, en Barreiros
A asociación Camiñantes e Camiños, de Barreiros, organiza un ano máis a Romaría de Santo Estevo do Ermo, que terá lugar este sábado, 6 de xullo. O presidente do colectivo, José Manuel Gómez Puente, explica que “a Romaría de Santo Estevo do Ermo é unha tradición de moitos anos que os veciños e veciñas de Barreiros teñen moi presente e por iso desde a asociación Camiñantes e Camiños a organizamos neste 2024 e preparamos un sábado cheo de actividades”.
Comezarán cunha ruta por Santo Estevo ás dez da mañá. Os participantes recibirán como agasallo un sombreiro. “Á unha do mediodía teremos misa cantada polo Coro Airiños do Mar e logo procesión. Despois ás 13.30 horas degustación de sardiñas á que seguirá a sesión vermú ás 14.00 horas con The Sound Project. Xa para as tres da tarde está previsto o xantar popular, ás cinco teremos xogos de mesa, ás oito poderemos gozar dunha nova sesión musical a cargo de The Sound Project”.
E ás dez da noite pecharán a xornada cun espectáculo de maxia do Mago Rafa. Para o presidente da asociación cultural de sendeirismo Camiñantes e Camiños de Barreiros “é moi importante manter as tradicións, polo que invito a que os veciños e as veciñas do noso concello e aos visitantes que pasan o verán pola zona, a que se acerquen e participen en harmonía, paz e amizade, estados aos que nos achega este paraxe máxico, que é o Santo Estevo do Ermo”.