Música, charlas e un paseo teatral: arranca o Ribadeo Ilustrado
Todo está listo para a celebración da cuarta edición do Ribadeo Ilustrado do 6 ao 8 de xuño. Haberá música, charlas e un paseo teatral e musical entre o Pazo de Ibáñez e o Forte de San Damián. A cita estará dedicada a Antonio Raimundo Ibáñez, fundador da Real Compañía Marítima.
“O programa de actividades dará comezo o 6 de xuño, este xoves, cun concerto da Orquestra de Cámara Galega na igrexa parroquial a partires das nove menos cuarto da noite”, asegurou a concelleira de Turismo, Marta Saiz. Saiz seguiu a relatar que “xa o venres pola tarde ás seis e dez na Casa do Concello terá lugar a presentación do libro As máscaras de Ibáñez, o Marqués de Sargadelos que nunca foi, a cargo de Avelaiña Teatro, que despois representarán a obra do mesmo título ás 20.30 horas no auditorio municipal”.
E ás sete o ribadense Alberto Paraje, secretario da Asociación de Estudos Históricos de Galicia, falará sobre O Ribadeo de hai 300 anos visto polos ilustrados. O sábado, si o tempo o permite, gozarase dun paseo teatral e musical Ribadeo Ilustrado entre o Pazo de Ibáñez e o Forte de San Damián a partir das 11.30 da mañá no que estarán unha ducia de grupos musicais e teatrais así como de guías oficiais.
“A todas esas persoas queremos agradecerlles a súa participación nesta cita, que rematará cunha degustación da época. Lembrar que disporemos tamén dun minibús para a viaxe de volta ata a Praza de España”. Deste xeito, animan a “ribadenses e visitantes a desfrutar da cuarta edición do Ribadeo Ilustrado, que con tanto agarimo preparamos desde a Concellería de Turismo”.