Muras, un paraíso entre ríos, montes e sendeiros

AMariñaXa
O municipio destaca pola súa riqueza ambiental, os seus espazos protexidos e unha ampla oferta de rutas
muras-ruta-rio-carelle
19 Mar 2026

Muras destaca como un dos territorios con maior riqueza natural de Europa grazas á súa excepcional rede fluvial e á diversidade paisaxística que a rodea. O municipio está atravesado por ríos e arroios de augas limpas e frías, como o Landro, o Eume e o Sor, nos que abunda a troita e que converten a zona nun auténtico refuxio para a biodiversidade. Ao longo das súas marxes ábrense ducias de recunchos singulares, camiños tradicionais e espazos por descubrir que convidan a percorrer o territorio con calma.

Este patrimonio natural complétase cunha contorna montañosa de gran valor ambiental, marcada pola presenza de dous espazos naturais protexidos. No extremo oriental esténdese a Serra do Xistral, un amplo macizo caracterizado polos seus cumios suaves, brañas e ventos constantes. No sector occidental, as ribeiras do río Sor configuran un ecosistema de alto interese ecolóxico, cunha vexetación frondosa que acompaña o curso da auga.

A paisaxe do Xistral ofrece tamén unha imaxe moi representativa do interior galego: a presenza de cabalos salvaxes en liberdade, pertencentes ás razas de cabalo galego e hispano-bretoa, que pastan nos montes abertos. Nas zonas máis elevadas do Guriscado e da Curruxeira, que conducen ata Viveiró, o territorio vólvese progresivamente máis verde e pechado, cunha notable presenza de carballos, castiñeiros e bidueiros que conforman bosques autóctonos de gran beleza.

A fauna é outro dos grandes atractivos de Muras. Entre as aves rapaces destacan especies como o aguiacho cenizo ou o ratoeiro, mentres que nos montes habitan mamíferos emblemáticos como o lobo, o xabaril, o raposo ou o corzo. Dende o porto da Gañidoira, situado a 737 metros de altitude, é posible contemplar amplas panorámicas do macizo, con vistas aos montes da Xestosa, Guriscado, O Chao, Curuxeira, Lebureiro, O Cadramón e Pena do Seixo.

No eido do sendeirismo, o Concello de Muras ofrece rutas especialmente coidadas e accesibles. Un dos percorridos máis destacados é a ruta que vai da Área Recreativa da Veiga ata o complexo da Aldea Etnográfica de Carelle. Trátase dun itinerario de 8,5 quilómetros perfectamente sinalizado, con paneis informativos de carácter ambiental e etnográfico.

Este camiño divídese en tres tramos diferenciados: a Ruta da Fraga, a Ruta do Río e a Ruta de Carelle, con niveis de dificultade media ou media baixa. O percorrido completo pode realizarse en entre dúas horas e media e tres horas, aínda que tamén é posible facer cada tramo por separado.

Outra proposta salientable é a Ruta do Rego dos Coruxos, cun trazado circular de 9,5 quilómetros que parte da igrexa de Viveiró e regresa ao mesmo punto. O percorrido discorre xunto ao rego, combinando treitos asfaltados con camiños e carreiros. Para a súa creación acondicionáronse 1,5 quilómetros de vías, respectando ao máximo a contorna natural, e instaláronse indicadores de madeira e paneis de orientación ao longo de todo o itinerario.

Estas rutas e paisaxes consolidan Muras como un destino ideal para o turismo de natureza, o lecer activo e o coñecemento do patrimonio rural. A combinación de valores ambientais, culturais e paisaxísticos permite gozar dun territorio auténtico, pouco alterado e cheo de identidade, no que cada camiño revela unha historia e cada estación ofrece matices diferentes, convertendo a visita nunha experiencia enriquecedora para persoas de todas as idades e intereses diversos e sensibilidades.

0.11807012557983