Mulleres na Mariña preparan actos reivindicativos o 8M en varios concellos
Un ano máis, A Mariña terá unha ampla presenza e actividade, dentro da Plataforma Feminista Galegas 8M. Serán máis de 60 mulleres da comarca as que realizarán actos reivindicativos en Foz, O Valadouro, Barreiros, Ribadeo, Cervo e Burela.
"Consideramos imprescindible a mobilización na rúa e que as reivindicacións do feminismo sexan desde xa prioritarias á hora de afrontar a actual realidade social. Esiximos que se coloque a vida no centro: urxe darlle o valor real a aos traballos que fan a vida posible. Esiximos unha xestión/saída feminista desta crise", explican.
"O noso sublema para a folga, na que intensificaremos e atravesaremos a mobilización nos coidados non remunerados, é: Mulleres en Folga: Esenciais, Precarizadas e Fartas", explican.
"Faremos folga porque cremos nos coidados humanizados, respetuosos cas vidas e de calidade. Os coidados son esenciais, e como tal deben ser valorados. Pararemos os coidados para visibilizar a nosa sobrecarga, para facela visible. Faremos folga para esixir que non se faga negocio ca nosa saúde. A privatización dos servizos esenciais para o coidado xenera máquinas lucrativas, énchense os petos dunhas poucas persoas mentras escravizan e empobrecen outras (99%mulleres)", din.
"Pese a situación de emerxencia sanitaria, non podemos deixar de mobilizarnos, non van a confinar as nosas loitas tras as portas", conclúen asegurando que o uso de máscara será obrigatorio e respetaranse todas as medidas sanitarias de seguridade e prevención en todos os actos reivindicativos desta xornada.