Mulleres en situación de vulnerabilidade de Foz reciben os certificados dos cursos
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, xunto a presidenta da asociación Bumei, Jasone Lorenzo, e a concelleira de Inclusión e Inmigración, Ana Rojo, veñen de facer entrega dos certificados das accións formativas ás mulleres participantes nos cursos impartidos no marco dos programas 'Emprega: formación o teu traballo e a igualdade a túa liberdade e Inserta: formación e emprego', subvencionados pola Consellería de Política Social e a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, para persoas en situación de vulnerabilidade, risco de exclusión e con maiores dificultades de inserción laboral.
A concelleira explica: “Os programas son impartidos nas aulas da asociación Bumei en Foz, coa colaboración do noso Concello, onde se fan as derivacións, informes e certificados da situación das persoas participantes por parte da educadora familiar e do traballador social. Estes cursos de formación abarcan dende a atención sociosanitaria de persoas dependentes no fogar, a camareira de piso ou á preparación para as probas oficiais de galego Celga 3, etcétera. Todos eles están destinados a favorecer a reinserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social, facilitándolles o acceso a un emprego ou a superar as dificultades para promocionarse na procura ou desempeño doutro novo emprego. Todos estes programas están dirixidos a mellorar a inserción laboral das persoas participantes, fomentan a capacidade de emprendemento e unha mellor capacitación profesional, con coñecementos específicos para acceder ao mercado laboral con máis preparación incluso nas novas tecnoloxías”.
“O noso compromiso é seguir colaborando coa asociación Bumei para dar máis e mellores servizos, que redundan nos veciños e veciñas e nos colectivos máis vulnerables facilitándolles a oportunidade dunha preparación específica para un mellor acceso o mercado laboral”, remata Ana Rojo.