Motoclube A Cadeira: gasolina, amizade e moito corazón

Por Ana Somoza
Un grupo de afeccionados ás motos transforma a súa paixón nun proxecto colectivo que medra sobre rodas e valores compartidos
A paixón polas motos, cando é verdadeira, adoita ir moito máis alá do simple pracer de conducir. É unha forma de vida, unha comunidade, un xeito de entender a amizade e mesmo unha ferramenta de dinamización social. Iso é o que puxeron en marcha en agosto de 2024 un grupo de amigos e amigas de Trabada, cando decidiron crear o Motoclube A Cadeira. “Todo naceu dunha amizade forte e da ilusión común por montar en moto. Queríamos facer algo xuntos, saír, organizar cousas, compartir quilómetros... e demos o paso de constituír o club”, explican desde a entidade.
A primeira faísca acendeu o 10 de agosto do ano pasado, cando formalizaron a súa creación como motoclub, pero a historia viña xestándose moito antes. “Levabamos tempo facendo saídas e xuntándonos. A idea foi collendo forza e ao final decidimos que había que poñerlle nome e forma”. A Cadeira, en homenaxe a unha das paisaxes naturais máis recoñecidas da Mariña, converteuse en símbolo dunha nova travesía.
O espírito que lles guía é sinxelo e rotundo: amizade, compañeirismo e respecto. Non hai normas ríxidas nin esixencias, máis alá da boa vontade de compartir. “Aquí non importa que moto teñas, nin a idade. O que conta é ter ganas de pasalo ben e facer piña”, insisten. Esa apertura converteu o club nun espazo interxeracional, onde conviven membros moi novos con veteranos das dúas rodas, xente que apenas leva uns meses conducindo e outras persoas con milleiros de quilómetros ás costas.

No garaxe simbólico de A Cadeira hai de todo: motos deportivas, naked, trail, customs e algunhas xoias clásicas. “Hai moita variedade, pero iso é o bonito. Cada moto ten o seu carácter, coma quen a leva”, explican. O importante non é a cilindrada, senón o vínculo, ese sentimento compartido que fan do motociclismo unha filosofía de vida.
Ao longo do ano, o club organiza diversas actividades que van máis alá das saídas en grupo. Participan en encontros doutros clubs, visitan eventos culturais e colaboran de xeito activo na vida social de Trabada. “Estivemos no mercado de Nadal, na cabalgata de Reis, axudamos noutras festas... Sempre que se pode, sumamos”, explican. Esa implicación social fai que sexan vistos con simpatía pola veciñanza, mesmo entre quen non monta en moto. “Hai curiosidade, e sobre todo recoñecemento porque se fai todo con moito respecto e buscando integrar”, aseguran.
A súa filosofía é clara: sumar, compartir, desfrutar. “Queremos que a xente vexa que isto non é só ruído e motos. É compañeirismo, é traballo colectivo, é bo ambiente”. Esa mensaxe vai calando e mesmo espertando interese entre novas persoas que se achegan con intención de unirse. A recomendación para quen dubida é clara: “Que se animen. Aquí non hai presións. Só hai bo ambiente e ganas de pasalo ben”.
O vínculo con outros motoclubs é outro dos piares do proxecto. “Temos moi boa relación con clubs da Mariña, de Asturias, de moitos sitios. Intentamos ir a todos os encontros que podemos. Sempre se aprende, sempre se coñece xente nova”, destacan. Esas redes son tamén canles para compartir experiencias e impulsar novas ideas.
Pero se hai unha idea que lles fai especial ilusión é a de consolidar un evento propio, unha gran concentración moteira que se converta nun referente na zona. “É un soño que temos desde o inicio: facer unha festa grande, que atraia xente de toda Galicia e mesmo de fóra, e que sirva para poñer a Trabada no mapa mototurístico”, contan con entusiasmo. Ese soño empezará a materializarse este mesmo ano, coa primeira edición xa en marcha.
A idea da concentración xurdiu, como tantas outras cousas, nas propias saídas en grupo. “Íamos falando, comentando que estaría ben montar algo así... e o destino fixo o seu. Xuntámonos as persoas axeitadas no momento xusto e puxémonos mans á obra”. A primeira edición será toda unha declaración de intencións.

Está previsto un programa amplo e pensado para todos os públicos: ruta moteira, música en directo, comida, sorteos, premios e moita festa. “Queremos que sexa unha celebración para todo o mundo, non só para moteiros. Que a xente de Trabada tamén goce, que vexan o ambiente e participen”, explican. A filosofía é facer do evento unha ponte entre a afección polas motos e o tecido social do concello.
Por iso tamén pensaron nas comodidades: haberá zona de comida e bebida, espazo para acampada e servizos para que quen veña poida quedarse sen preocupacións. A acollida está a ser boa e xa recibiron mensaxes de clubs interesados en asistir. “Estamos difundindo polas redes e polos contactos doutros clubs. Hai moito interese e iso danos ánimo”.
O obxectivo, se todo vai ben, é que esta primeira edición sexa só o comezo. “Queremos que se converta nunha cita anual, un evento fixo do calendario moteiro galego. Se hai resposta e vemos que funciona, imos a por todas”, aseguran. A ilusión non lles falta, tampouco a vontade de seguir medrando con humildade e constancia.
De feito, cando lles preguntan como se imaxinan o club dentro de cinco ou dez anos, non dubidan: “Queremos seguir co mesmo espírito, medrar sen perder o que nos fai especiais: a amizade, o bo ambiente e a paixón polas motos. Se conseguimos iso, xa será un éxito”. Para eles, a moto é moito máis ca un medio de transporte. É liberdade, é identidade, é terapia. “É unha maneira de desconectar, de sentirte vivo, de compartir momentos únicos. Para moitos de nós, a moto é parte de quen somos”.
No horizonte de A Cadeira hai moitos soños por cumprir, moitos quilómetros por diante e moita xente por coñecer. Pero tamén hai unha certeza: a estrada que empezaron a trazar en agosto de 2024 xa non ten volta atrás. E todo indica que será longa, vibrante e chea de curvas fermosas.