Mor premia a creatividade veciñal no II Concurso de Decoración de Fachadas de Nadal

A parroquia de Mor, no concello de Alfoz, volveu demostrar o seu espírito participativo coa celebración do II Concurso de Decoración de Fachadas de Nadal, unha iniciativa impulsada pola Asociación Veciñal de Mor coa colaboración do Concello. A proposta, que naceu coa vontade de encher as rúas de luz e creatividade durante as festas, consolídase tras a boa acollida da súa primeira edición.
Unha vez avaliadas as diferentes fachadas participantes, o xurado deu a coñecer os gañadores dun certame que, ademais de recoñecer o esforzo decorativo, aposta polo apoio ao comercio de proximidade. O primeiro premio, valorado en 150 euros para gastar nos establecementos da parroquia, foi para Juan Cortiñas. O segundo galardón, cun importe de 100 euros, recaeu en Patricia Barreira, mentres que o terceiro premio, dotado con 50 euros, foi para Samantha Filgueiras.
Desde a Asociación Veciñal quixeron felicitar ás persoas premiadas e agradecer tamén a implicación do resto de participantes, así como o labor do xurado, integrado por Pedro, Rocío e Mónica. Segundo recollen as bases, os importes dos premios deberán empregarse en calquera comercio local da parroquia de Mor nun prazo máximo de dous meses, reforzando así a dinamización económica da zona.
Dende a organización subliñan que o obxectivo principal do concurso é contribuír a que Mor “luzca bonita e especial nestas datas”, ao tempo que se fomenta a convivencia veciñal e se pon en valor o tecido comercial local durante o Nadal.