Montse Prado, portavoz de sanidade do BNG critica duramente a comparecencia do xerente do Sergas

TerraChaXa | AMariñaXa
A portavoz de Sanidade, Montse Prado, foi moi crítica coa comparecencia do xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa, para explicar a memoria do Servizo galego de saúde correspondente a 2018 que, denunciou, non ten en conta a realidade e se limita a facer unha enumeración de datos que son posibles grazas ao traballo e o compromiso dos e das traballadoras da sanidade pública.
29 Mar 2019

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, foi moi crítica coa comparecencia do xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa, para explicar a memoria do Servizo galego de saúde correspondente a 2018 que, denunciou, non ten en conta a realidade e se limita a facer unha enumeración de datos que son posibles grazas ao traballo e o compromiso dos e das traballadoras da sanidade pública.

“Non dou crédito porque, diante da gravísima situación da sanidade pública derivada da políticas do PP, presenta unha memoria de 2018 que non ten en conta a realidade de aí fora, que presume do incremento da actividade que se debe ao sacrificio e á explotación dos e das profesionais que lle están dicindo que non aguantan máis esta situación”, denunciou  a deputada. “Que a memoria non faga ningunha referencia a esa cuestión motiva que lle pida que deixe de vivir nunha realidade paralela e que escoiten aos profesionais”.

Unha realidade na que as persoas profesionais dos PACs levan un ano en folga indefinida, os médicos e médicas precarias están condenados a ser eventuais “colgados dun teléfono”, o persoal de atención primaria que maña anuncian unha folga, “ou pensa que a convocan porque non teñen nada máis que facer?”, citou a modo de exemplos do que media entre a realidade e a visión de “todo vai ben” de Campa.

“Quítese as gafas da autocomplacencia e póñase as gafas da realidade, porque parece case un insulto que ante as reclamacións que lle fan e vostedes ignoran”, demandou.

“Esta memoria non responde nin ás peticións dos profesionais, nin dos e das usuarias da sanidade pública que se manifestan na rúa, nin ás demandas das persoas que queren acabar coas listas de espera, co colapso dos servizos de urxencia, coa precariedade e explotación do persoal e coa falta de medios”, salientou. De feito, Prado replicoulle ao xerente do SERGAS que a “verdadeira” avaliación da memoria que trouxo á Cámara “xa lla fixeron os e as profesionais que protestan, se mobilizan e convocan folgas en contra das súa política”.

A deputada indicou que o informe elaborado pola patronal da sanidade privada, confirma que esta vai en aumento tanto por facturación como por usuarios, “o que lle debería facer reaccionar”. “Cada vez hai menos sanidade pública e máis negocio na privada, e iso nun país no que as condicións económicas non están para gastar diñeiro indo a sanidade privada se a pública dese unha resposta acaída”. Como dato, a privada “xa representa o 24% de camas en Galiza”.

Prado formuloulle ao xerente do Sergas toda unha batería de preguntas que quedaron sen resposta. “Que vai facer coas listas de espera en atención primaria, que melloras ten para a saúde mental á que non destinan recursos, que está pasando coas infraestruturas nos centros de saúde?”, interpelou.

“Non se trata de cadrar números senón de calidade asistencial e teñen que cambiar de rumbo como vimos advertindo desde fai anos pero deulles igual, empezando por mudar a política laboral no Sergas”, tendo en conta a previsión de xubilacións nos vindeiros anos. O Bloque volveu pedir que se convoquen as 6.070 prazas vacantes no sistema público de saúde.

0.10955691337585