Mondoñedo xa dispón de oito puntos de recarga para vehículos eléctricos
O Concello de Mondoñedo vén de poñer en marcha os oito puntos de recarga para vehículos eléctricos, sendo, por tanto, un dos primeiros municipios da Mariña en contar con estes dispositivos que se sitúan no Campo dos Paxariños, na Praza Jaime Cabot e no aparcadoiro dos Xulgados. O alcalde do municipio, Manuel Otero, supervisou esta mañá “un servizo máis para a cidade” que está en funcionamento dende a pasada semana.
Coa instalación deste equipamento o goberno local “trata de posicionar como punto de recarga nunha extraordinaria área de descanso monumental: Mondoñedo. Igualmente, entendemos que é un atractivo para animar a entrar na cidade mindoniense”, explica o rexedor local.
O obxectivo principal é o estímulo do uso de vehículos eléctricos, que é unha das actuacións incluídas no Plan de Acción para o Clima e a Enerxía aprobado pola entidade local.
DISTRIBUCIÓN
Son oito os puntos de recarga dispoñibles cunhas dimensións correspondentes á dunha praza de aparcamento cada unha máis o correspondente espazo adxacente para a colocación do cargador e a acometida á rede de subministro eléctrico.
Os puntos de recarga distribúense do seguinte xeito:
- Un punto de recarga, con catro postes, no Campo dos Paxariños, preto da área para estacionamento de autocaravanas. Neste caso, a instalación desde punto obrigou a cambiar de ubicación o contedor de recollida de roupa.
- Outros dous na Praza de Jaime Cabot empotrados no muro xa existente e coas prazas en batería.
- Dous no aparcadoiro dos Xulgados tamén coas prazas en batería.
CONCESIÓN
O Concello sacou a concurso a concesión do servizo por unha duración de 15 anos susceptible de prorrogarse por outros 5 anos máis. Ao proceso, que seguiu os trámites indicados polos servizos xurídicos, presentáronse tres ofertas, unha delas fóra de prazo. O servizo foi adxudicado á máis vantaxosa, a oferta presentada por Iberdrola que ofrece un canon equivalente ao 15% da facturación anual.
A empresa concesionaria será a encargada de manter a superficie e o seu entorno inmediato en perfectas condiciones de seguridade, salubridade e ornato. Así mesmo, deberá utilizar unha tecnoloxía adecuada de conformidade co progreso da técnica e das condicións do mercado.