Mondoñedo vivirá unha intensa Cabalgata de Reis cun percorrido por parroquias e centro histórico

A cidade de Mondoñedo prepárase para recibir ás Súas Maxestades de Oriente o vindeiro luns, 5 de xaneiro, cunha ampla programación da tradicional Cabalgata dos Reis Magos, que levará a ilusión e a maxia do Nadal tanto ás parroquias do rural como ao centro urbano.
A xornada arrancará pola mañá cun extenso itinerario polas parroquias do municipio. Desde primeiras horas, Melchor, Gaspar e Baltasar irán visitando distintos núcleos, facendo paradas en Argomoso, Lindín, Santa María Maior, O Carme, Vilamor, Masma, Oirán, Couboeira, Viloalle, Figueiras, Estelo, Cesuras Pelourín, San Vicente e Sasdónigas, achegando a súa presenza a veciños e veciñas de todas as zonas do concello.
Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, a Cabalgata continuará pola cidade cunha visita á Residencia San Rafael e ao Hospital San Pablo. Ás 18.00 horas terá lugar o desfile polo centro histórico de Mondoñedo, un dos momentos máis agardados, no que as rúas se encherán de público para saudar aos Reis Magos.
A programación culminará ás 19.00 horas coa recepción oficial das Súas Maxestades no auditorio municipal Pascual Veiga, onde se celebrará un acto especial dirixido principalmente á cativada. Como peche da xornada, ofrecerase unha chocolatada para todas as persoas asistentes, grazas á colaboración da Asociación Cultural Pasatempo.
O Concello de Mondoñedo anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta cita tan emblemática, que cada ano converte a cidade nun espazo de encontro, ilusión e tradición para despedir as festas do Nadal.