Mondoñedo vive unha xornada histórica nas San Lucas, con milleiros de persoas e unha gran feira cabalar

AMariñaXa
O día grande comezou coa apertura da feira de gando e coa tradicional Baixada dos Cabalos, un dos momentos máis agardados e simbólicos destas celebracións
premios-as-san-lucacs
19 Oct 2025

As Feiras e Festas das San Lucas de Mondoñedo viviron este domingo unha das súas xornadas máis multitudinarias e emotivas, cunha afluencia masiva de público que encheu rúas, prazas e o recinto feiral desde primeira hora da mañá ata ben entrada a madrugada. O tempo acompañou, sen choiva e con temperaturas suaves, o que contribuíu a que miles de persoas se achegasen para gozar da feira de gando, da gastronomía —co tradicional polbo como protagonista— e dun amplo programa de actividades culturais e musicais.

O día grande das San Lucas comezou coa apertura da feira de gando e coa tradicional Baixada dos Cabalos, un dos momentos máis agardados e simbólicos destas celebracións. Pola tarde, celebrouse a Gran Feira Cabalar, que reuniu centos de exemplares e á que asistiu o deputado de Medio Rural, Daniel García, quen participou na entrega de premios ás mellores ganderías e cabalos da feira.

Na entrega recoñecéronse as ganderías con maior número de exemplares tanto na feira como na baixada, así como os mellores exemplares de Pura Raza Galega, Árabe e Española, ademais dos mellores cabalos de tiro e de silla, os mellores burros e os mellores poldros nados en 2025.

Daniel García destacou “o recoñecemento e a visibilidade que As San Lucas dan ao gando cabalar e aos gandeiros e gandeiras que o coidan durante todo o ano, facendo un labor esencial para o mantemento dos montes e a conservación das paisaxes tradicionais”. O deputado subliñou tamén “o dinamismo do sector cabalar na comarca da Mariña, impulsado pola xuventude e implicación de moitos dos gandeiros participantes”.

Ao longo do día, a cidade acolleu ademais o acto de irmandamento co Concello de Ferrol, unha exhibición de doma no recinto da Granxa, e o tradicional homenaxe a Pascual Veiga no cemiterio vello. Pola tarde, o bispo Fernando García Cadiñanos oficiou a misa na catedral, un dos actos máis simbólicos destas festas.

O día pechouse coa gran verbena e o concerto de Tutto Durán, que esgotou entradas pouco despois de saíren á venda. A programación continuará este luns, coa xornada do Día do Medio, que volverá atraer a centos de visitantes a Mondoñedo para desfrutar de máis música, tradición e actividades para todos os públicos.

CONSULTA O PROGRAMA DE HOXE

⚙ Configurar cookies
0.06912088394165