Mondoñedo traballa na convocatoria de axudas de apoio a autónomos e pemes
O Concello de Mondoñedo está a nunha nova medida de apoio a autónomos e empresas afectados polo peche ou pola perda de facturación nos seus negocios derivada do Covid-19. Trátase da posta en marcha dunha convocatoria de axudas para contribuír a sufragar gastos derivados da súa actividade económica. Concretamente, as facturas da luz.
O goberno local impulsa esta medida ao “ser conscientes de que, nestes momentos, aos negocios dos municipio se lles fai imprescindible contar con liquidez”. Aínda así, dende o Concello consideran “moi importante” contribuír á reactivación posterior dos distintos sectores produtivos “a través dun plan transversal que permita minimizar o impacto na actividade económica”. “É o momento das persoas e que a administración local está para axudar”, afirman.
Así, “coa mellor vontade e dentro dun gran compromiso cos autónomos e pequenas empresas do noso municipio afectadas”, o executivo local destinará a esta iniciativa as cantidades económicas obtidas pola venda das parcelas no polígono nesta anualidade; pero “sempre dende un escenario de moderación e prudencia”. É por iso polo que non se recorrerá nin aos 202.679,92 euros de superávit nin aos 595.392,92 euros de remanente de tesourería que reflicte a liquidación do presuposto do exercicio 2019.
Buscando o consenso de toda a Corporación
Esta actuación, da que xa foi informada a Corporación coa que están a ter chamadas con periodicidade, asentindo as propostas plantexadas, así como aos representantes da ACIAM “para artellar a mellor fórmula posible”, diríxese aos negocios que constan inventariados no Concello cos seus correspondentes informes e que se viron obrigados ao peche con motivo do estado de alarma decretado para a contención do coronavirus e os seus efectos sobre a saúde. Dende o Concello avanzan que “somos absolutamente conscientes da importancia de establecer un procedemento de tramitación áxil”.
Interese polos traballadores afectados
O consistorio mindoniense da continuidade á rolda de chamadas e reunións que está a manter co tecido produtivo para coñecer de primeira man as súas necesidades e as posibles medidas a adoptar co obxectivo de contribuír de xeito eficaz a superar esta complicada conxuntura económica para que o tecido económico e empresarial do municipio saia reforzado.
Neste caso, “temos contactado coas xestorías mindonienses para informarnos sobre a incidencia desta crise no emprego a través dos ERTES tramitados, as solicitudes de baixa dos autónomos e as axudas percibidas sempre respectando, por suposto, a lei de protección de datos. O que pretendemos é obter información relevante que nos permita facer un seguimento da situación”, explican.
Material de protección para o comercio local
O goberno local mindoniense está a facer entrega de pantallas de protección e máscaras entre o pequeno comercio da cidade. Deste xeito, o Concello pon o seu gran de area para garantir que “abran as súas portas durante a fase inicial de desescalada en condicións de seguridade”.
Trátase dunha medida que se engade á suspensión do cobro de alugueiro de locais municipais coma os da Praza de Abastos e das taxas pola recollida do lixo e ocupación da vía pública –colocación de terrazas- no caso daqueles establecementos que permanecen pechados.