Mondoñedo terá un centro de rexeneración urbana para completar a Área Rexurbe
Mondoñedo terá un centro de rexeneración urbana co que por primeira vez en Galicia se completará unha Área Rexurbe con todos os elementos que a compoñen.
Así, autorizouse un convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Mondoñedo e a Xunta disporá dunha contía de case 140.000 euros para impulsar o funcionamento deste centro, que deberá contar con medios e materiais humanos para atender os obxectivos do programa.
Este centro, que dependerá do Concello, será o punto de información, asesoramento, xestión, seguimento e difusión da Área Rexurbe de Mondoñedo, co obxectivo de impulsar as actuacións de recuperación, rexeneración e dinamización do ámbito. Segundo o plan de dinamización da Área, aprobado en febreiro deste ano, as actuacións previstas para o período 2020-2024 requirirán dun investimento de aproximadamente 16,9 millóns de euros.
As áreas Rexurbe foron creadas ao abeiro da Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia de 2019, co obxectivo de facilitar a recuperación dos conxuntos históricos declarados bens de interese cultural (BIC).
A de Mondoñedo foi a primeira declarada na Comunidade —febreiro de 2020— e o seu ámbito comprende o conxunto histórico do municipio e unha zona contigua, de características similares, que alcanza en total unha superficie de 0,45 km2, en que se localizan 704 edificios e 915 vivendas.
Agora, coa creación do Centro Rexurbe avanza o paso definitivo para a posta en marcha de iniciativas, proxectos e programas a nivel arquitectónico, dirixidos a fomentar as políticas de rehabilitación e a mellora do espazo público, con outras medidas desde o punto de vista económico, demográfico e social.
Por outra banda, cabe salientar que Mondoñedo é un concello exemplar e comprometido coa rehabilitación, pois, ademais de contar cunha Área Rexurbe, participa dos fondos e das axudas que se promoven ao abeiro das áreas de rehabilitación integral e tamén do Programa Rexurbe, polo que se adquiren inmobles para a súa recuperación e destinados ao alugamento social.