Mondoñedo será sede dun polo de emprendemento e apoio ao emprego
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou un novo Polo de emprendemento e apoio ao emprego, que se emprazará en Mondoñedo, e que desde mañá prestará servizo aos 15 concellos das comarcas A Mariña Central, Occidental e Oriental. Lorenzana puxo en valor esta nova oficina de asesoramento personalizado e permanente ás persoas emprendedoras, xa que explicou que o tecido autónomo na Mariña Lucense é “unha forza tractora da comarca”, tal e como o reflicten os datos: as 6.878 persoas traballadoras autónomas desta zona representan o 32,8% da provincia de Lugo.
A titular de Promoción do Emprego sinalou que con este novo polo aumentarase a cobertura da Rede a case o 70% do territorio e lembrou que o obxectivo é que antes de que remate 2023 se amplíe ata o 100% coa posta en marcha de 15 polos. Na provincia de Lugo haberá un total de cinco: ao da Mariña sumánse o de Monforte de Lemos, o da Fonsagrada, Friol e o da cidade de Lugo.
En palabras de Lorenzana, o apoio da Xunta ao emprendemento en Galicia é “indiscutible” con 120 millóns de euros este ano de recursos económicos a políticas de emprendemento, traballo autónomo e economía social.
Para rematar, recordou que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta é unha iniciativa que forma parte de Xempre Contigo, a nova estratexia autonómica de emprego coa que se busca levar a cabo unha renovación das políticas públicas de emprego para dar resposta ás necesidades emerxentes do mercado laboral e para conseguir máis e mellor emprego para as galegas e galegos.
A conselleira remarcou que é unha estratexia que pon o foco nas persoas, centrándose nas capacidades e traballando para mellorar as oportunidades profesionais. “A Rede de polos contribúe a este fin porque ofrece proximidade ao traballo que os actores locais, o tecido empresarial e os emprendedores fan das súas contornas”, rematou.