Mondoñedo segue posicionando a Cova do Rei Cintolo como un recurso de gran valor
A tenente de alcalde de Mondoñedo, Elena Candia, reuniuse con representantes da Federación Galega de Espeleoloxía para seguir avanzando en posicionar a Cova do Rei Cintolo con un recurso de gran valor.
Con esta xuntanza, ambas as dúas entidades intensificaron as relacións e as negociacións para divulgar este recurso como unha experiencia turístico-natural, e afondar, ao mesmo tempo, na súa investigación.
O encontro dá continuidade, por tanto, ao traballo que está a levar a cabo o director do proxecto de investigación “Rei Cintolo, Obxectivo 11.000”, o doutor Marcos Vaqueiro, quen acaba de presentar a memoria do traballo de investigación levado a cabo na cova ao longo deste ano, e que está a ser apoiado decididamente polo equipo de goberno local.
O traballo efectuado na cova no marco do citado proxecto ten por obxectivo principal elaborar un estudo topográfico e morfolóxico. Participan 37 espeleólogos galegos, de diferentes grupos, adscritos maioritariamente á Federación Galega de Espeleoloxía. Tamén se levaron a cabo traballos de monitorización da temperatura da cova nas súas zonas máis profundas. Tamén se estuda a rede de drenaxe baixoterreña. Leváronse a cabo análises das augas.
Deste xeito, segundo se indica na memoria, un dos feitos máis relevantes da campaña foi a localización de diversos restos óseos en diversas pasaxes e niveis da cavidade. Atopáronse restos animais a máis de 49 metros de profundidade e máis de 223 da actual entrada da cova. Os datos preliminares apuntan á presenza de oso pardo nos niveis máis altos da cova, hai uns 9.000 anos. Ata o momento non se coñecía fauna na cova de máis de 7.500 anos.
Dende o Concello manifestan así que, xa que esta cova ten a distinción de Destino Turístico Científico coa certificación Observer@, non deixan de traballar na súa promoción, como así se demostra na valoración e estudo da proposta da Federación Galega de Espeleoloxía para a creación do Espeleoparque da Mariña.