Mondoñedo rehabilitará o hórreo de San Paio

AMariñaXa
Mondoñedo implícase en restablecer a seguridade e eliminar o feísmo no Camiño coa rehabilitación do hórreo de San Paio
horreo san paio mondonedo 1
10 Jul 2021

O Concello de Mondoñedo implícase en restablecer a seguridade e eliminar o feísmo no Camiño coa rehabilitación do hórreo de San Paio. A entidade local e a Xunta de Galicia, ao abeiro da axudas para actuacións de mellora paisaxísticas e de embelecemento de bens e recursos que se atopen na ruta Xacobea, cofinancian esta iniciativa para a que xa se iniciaron as expropiacións. 

En total, o proxecto conta cun investimento que supera os 10.300 euros, dos que o 75% son aportados pola administración autonómica e, o 25% restante, con fondos propios. 

Deste xeito, dende o goberno local destacan que “damos resposta ao que era unha reclamación veciñal”. “Non é unha obra menor”, sinalan, “pois permite poñer en valor un elemento único situado en pleno Camiño Norte”.

Desglose das actuacións

En cumprimento da orde de axudas impulsadas pola consellería de Cultura e Turismo, as actuacións de conservación e restauración realizaranse preferentemente utilizando os materiais e técnicas construtivas tradicionais, neste caso a lousa irregular. De constatarse deficiencias na pedra que comprometan a seguridade estrutural, procederase a consolidar os muros. Ademais, manterase a revocadura en tons ocres, característica das comarcas de Ribadeo e Mondoñedo. 

Por outra banda, de ser precisa a limpeza de pedra, esta farase manualmente con cepillo de cerdas vexetais, empregando auga e xabón neutro, respectando as pátinas existentes e se eliminar os liques. Para o cumio non se admiten materiais metálicos, tellas ou outros elementos alleos á tradición. Os elementos da estrutura de madeira que se deban substituír manterán a mesma escuadría. Recuperaranse os elementos pétreos da cuberta (turulecos) e procederase á impermeabilización da parte superior dos muros da fachada.

horreo san paio mondonedo
0.18052220344543