Mondoñedo quere ser un Concello Doing Bussines
O Concello de Mondoñedo tramita o sétimo proxecto para ampararse na condicións de Concello Doing Bussines. Así o confirma o equipo de goberno, pois ser municipio emprendedor contempla beneficios fiscais para as empresas que se comprometan coa creación de emprego, e que xa están contabilizados ata o momento con 39 postos de traballo. Neste caso, a empresa beneficiada é Biegal SL, firma que realiza a súa actividade nas instalación da antiga ECAR, e despois Finsa.
Ademais, o Concello está programando novas xornadas de captación de investimentos e de actividade; “prioridade absoluta do goberno mindoniense e que é absolutamente imprescindible para a dinamización da economía”, afirman.
Concello Emprendedor dende 2018
Mondoñedo foi distinguido pola Xunta e pola Fegamp como Concello Emprendedor en 2018 e logo de constatarse o cumprimento das condicións establecidas no convenio de colaboración das dúas entidades para fomentar a implantación e o asentamento de empresas en Galicia. Precisamente, e no marco desta medida, a entidade local xa aprobou neste ano a modificación de ordenanzas do IBI, IAE e ICIO.
Ao ser Concello Doing Business, Mondoñedo pode beneficiarse das medidas que a Xunta poña en marcha para apoiar o tecido empresarial, é dicir, daquelas axudas autonómicas destinadas a impulsar a industria, o emprego ou o emprendemento.
Entre os incentivos que ofrece este proxecto están a bonificación de ata o 95% (ata o 95% de bonificación cando se creen máis de 20 postos de traballo; como mínimo o 75% cando sexan entre 11 e 20 empregos; e como mínimo do 50% pola creación de ata 10 empregos) no IBI, IAE e ICIO a aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, sempre e cando garantan a creación de emprego.
Tampouco esixen taxa por licenza de obra e apertura en todos os proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, que leven consigo a creación de novos postos de traballo e o seu código CNAE corresponda con algunha actividade económica incluída no eido da Industria 4.0 e a RIS3.
Asemade, a concesión das licenzas de obra maior terá un prazo máximo de 30 días naturais desde que o Concello dispón de todos os informes.
Rebaixa do prezo no polígono
Con respecto ao solo empresarial, fíxanse prezos competitivos, establecendo bonificacións e incorporando á súa oferta o dereito de superficie. A este respecto, por exemplo, xa se xestionou con SEA unha rebaixa no prezo da adquisición do metro cadrado das parcelas da área industrial mindoniense.