Mondoñedo promocionarase en Fitur como un dos cascos históricos máis antigos do mundo

TerraChaXa | AMariñaXa
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, promocionará unha edición máis na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará en Madrid a vindeira semana, a ampla potencialidade turística que ofrece a localidade; que conta cun dos cascos históricos máis antigos do mundo, o cal se converte no marco ideal para a celebración dunha singular Semana Santa, declarada de Interese Turístico Galego.
21 Jan 2019

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, promocionará unha edición máis na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará en Madrid a vindeira semana, a ampla potencialidade turística que ofrece a localidade; que conta cun dos cascos históricos máis antigos do mundo, o cal se converte no marco ideal para a celebración dunha singular Semana Santa, declarada de Interese Turístico Galego.
Mondoñedo terá presenza no ‘stand’ de Galicia e terá espazo, entre outras, tanto na presentación das Semanas Santas declaradas Festas de Interese Turístico de Galicia como na do produto turístico que pon en valor o potencial dos cascos históricos galegos. En concreto, a alcaldesa de Mondoñedo intervirá o xoves 24, ás 16:30 horas, na presentación das Semanas Santas onde porá en valor as características únicas da mindoniense, que destaca pola “súa beleza, singularidade e antigüidade”.
Mondoñedo tamén terá protagonismo noutras presentacións de destinos e produtos turísticos de Galicia, ás que asistirá e apoiará a rexedora mindoniense. É o caso da presentación do produto que pon en valor o potencial dos cascos históricos de Galicia, destacando os seus valores culturais, gastronómicos e da artesanía local.  De igual modo, Elena tamén estará na presentación da Mariña Lucense ou na da Deputación, entre outras.
Divulgar a oferta de produtos e servizos de destino
A rexedora local di que Mondoñedo “ten moito que dicir e ofrecer” en Fitur polo que ten pechadas reunións con axencias e operadores cos que establecerá contactos para divulgar a actual oferta de produtos e servizos deste destino declarado un dos Pobos máis Bonitos de España.
Entre estes recursos a alcaldesa enumera ademais do conxunto Histórico-Artístico co seu principal emblema, A Catedral, declarada Patrimonio Mundial da Unesco; a  Cova do Rei Cintolo ou o Camiño de Santiago xunto ao museo de Cunqueiro, que se inaugurará en breve; ou o da Imprenta; así como a audioguía ficcionada ‘Cunqueiro e Familia. Un paseo emocionante polo Mondoñedo de Cunqueiro’, entre moitos outros, como pode ser o atractivo de contar coa Feira máis Antiga de Galicia, As San Lucas.
No gran evento internacional de turismo, Elena Candia tamén repartirá un marcapáxinas coa casa museo de Álvaro Cunqueiro, mostra do potencial literario e cultural mindoniense.
Ademais, entre os obxectivos da alcaldesa no marco de Fitur tamén se atopa o de coñecer as tendencias a nivel de comunicación para destinos locais.

0.15500402450562