Mondoñedo presenta o programa das Quendas de 2025

A Área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis coas Feiras e Festas das Quendas, que se celebrarán do 30 de abril ao 4 de maio en Mondoñedo.
A área dirixida por Daniel García colabora coa Asociación As San Lucas, organizadora da feira, nas actividades ligadas á gandeiría, como a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar e Razas Autóctonas, na que participan gandeirías da comarca e doutros puntos de Galicia.
O recinto tamén acollerá unha exposición de razas autóctonas, con exemplares de porco celta, ovella e cabra galega, así como cabalos de Pura Raza Galega. Ademais, durante a xornada celebrarase un certame morfolóxico de canalóns de Pura Raza Galega.
Daniel García felicitou á organización por “seguir impulsando unha feira que pon en valor a tradición gandeira do concello e da Mariña interior, así como o traballo dos criadores e criadoras de gando cabalar, fundamental na conservación do territorio”, e valorou tamén “o protagonismo das razas autóctonas e dos certames de Pura Raza Galega, que espertan un gran interese en todos os lugares onde se veñen celebrando da man de Puraga, xunto coas degustacións e demostracións culinarias que promocionan os produtos destas razas para fomentar o seu consumo”.
Os produtos de razas autóctonas tamén estarán presentes na xornada grande, con demostracións de cociña a cargo das asociacións Puraga e Boaga, que amosarán as posibilidades culinarias destes produtos. Co obxectivo de promocionar o seu consumo, o programa “Un gusto de rural, un rural degusto”, da Área de Rural, tamén estará presente nas Quendas, con degustacións gratuítas de tapas con carne de poldro de Pura Raza Galega e porco celta en diferentes bares de Mondoñedo os días 2, 3 e 4 de maio.
O amplo programa lúdico e cultural das Quendas contará con Xulia Nogueira como pregoeira, o 30 de abril ás 21:00 horas no Auditorio Pascual Veiga.
Nora Redondas Lema, Carmen López Expósito e Paula Fernández Candia, alumnas de 3º de Primaria do CEIP Álvaro Cunqueiro Mora, serán as Quendeiras 2025.