Mondoñedo prepárase para vivir unha nova noite de música e troula

O espírito máis festivo e enxebre volverá encher as rúas e tabernas de Mondoñedo o vindeiro sábado 13 de setembro, coa celebración da XIII Xuntanza de Cantos de Taberna, un evento xa consolidado no calendario cultural da comarca que mestura tradición, participación e música en directo. A cita, promovida pola Asociación Gaitaescola en colaboración coa Asociación Cultural O Pasatempo, o Concello de Mondoñedo e a Deputación de Lugo, promete unha tarde-noite chea de bo ambiente, cantos populares e moita festa.
A programación comezará ás 17:30 horas cun obradoiro de baile tradicional para iniciación, unha actividade aberta e gratuíta pensada para quen queira dar os primeiros pasos no baile galego. A partir das 20:00 horas, as tabernas da vila converteranse en pequenos escenarios nos que diferentes grupos percorrerán os bares interpretando os seus cantos de taberna, esas pezas tradicionais que se cantan arredor dunha mesa entre viños e risas.
Ás 22:30 h, os grupos participantes serán agasallados cunha cea a base de pinchos, como agradecemento pola súa implicación e esforzo. E xa a partir das 23:30 h, abrirase a foliada ao público, para que todo o mundo poida sumarse á festa con pandeiretas, gaitas, acordeóns ou simplemente coas mans e as voces.
As inscricións para os grupos que queiran participar están abertas a través do número 605 582 624. A festa promete, como en edicións anteriores, converter a noite mindoniense nun punto de encontro entre tradición, comunidade e bo humor.