Mondoñedo prepárase para vivir unha nova edición do Mindus Maxicus

AMariñaXa
O festival de maxia terá lugar os días 29 e 30 de agosto con actuacións, obradoiros e espectáculos solidarios en distintos espazos da cidade
Mondonedo-Mindus-maxicus-maxia-2025
22 Aug 2025

Mondoñedo volverá converterse na capital da maxia na última fin de semana de agosto coa celebración dunha nova edición do Mindus Maxicus, que se desenvolverá os días 29 e 30. O anuncio oficial fíxose na praza da Catedral, diante da estatua de Álvaro Cunqueiro, figura fundamental da cultura mindoniense.

No acto de presentación participaron o alcalde, Manuel Otero, o concelleiro Manuel Tapia e o representante do festival, o mago Aris Villarino, quen xunto a outros artistas protagonizará as diferentes propostas incluídas nun programa que, segundo avanzaron, mantén o seu carácter intenso e diverso.

Este ano, os encargados de encher de ilusión as rúas da cidade episcopal serán Aris Villarino, Mago Deimi, Mago Ninou e O Gran Mago, que achegarán espectáculos para todos os públicos.

O festival contará con varias actividades destacadas, entre as que se inclúen sesións de Maxia Solidaria, que chegarán ao Hospital de San Paulo e San Lázaro, á Residencia San Rafael e ao Centro de Menores; un Obradoiro Máxico e a Gala Mindus Maxicus, ambos na Casa da Xuventude, así como espectáculos de maxia nos locais de hostalería da cidade.

Dende o Concello e o equipo organizador fan un chamamento á veciñanza e visitantes para achegarse a Mondoñedo e gozar da maxia “en estado puro” durante esta fin de semana festiva, que busca unir cultura, ilusión e convivencia.

⚙ Configurar cookies
0.32155299186707