Mondoñedo prepárase para o seu gran Desfile de Entroido

O Concello de Mondoñedo convoca un ano máis o seu tradicional Desfile de Entroido, que terá lugar o Sábado de Piñata, 8 de marzo de 2025. O evento incluirá un concurso de disfraces para o que xa están abertas as inscricións.
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través do correo entroidomindoniense@gmail.com ou chamando aos teléfonos 982 524 003 (inscricións) e 982 507 177 (información) ata as 23:59 horas do venres 7 de marzo. Á hora de inscribirse deberán facilitar datos como o nome do disfrace, nome completo, DNI, contacto, e, no caso de grupos e comparsas, información da asociación e unha persoa responsable.
O reparto de dorsais realizarase entre as 16:00 e 17:00 horas no edificio municipal do Campo dos Paxariños. Os disfraces deberán estar listos para o desfile ás 17:00 horas e a saída oficial será ás 17:30 horas, percorrendo as principais rùas da cidade ata finalizar na Praza da Catedral.
O concurso conta con diversas categorías: infantil (ata 12 anos), grupos infantís, parellas, grupos de adultos (ata 10 ou máis de 10 membros) e comparsas. Os participantes serán avaliados en aspectos como orixinalidade, vestiario, calidade musical e capacidade de representación. As comparsas e charangas contarán cunha actuación especial na Praza da Catedral, cun tempo máximo de 5 minutos.
Os premios serán entregados ao final do evento e o importe será ingresado nos días posteriores. Para iso, os gañadores deberán facilitar un número de conta bancaria. No caso dos menores, serán os seus pais ou titores os responsables de proporcionar os datos bancarios correspondentes.
Mondoñedo prepárase así para vivir unha xornada chea de cor, alegría e moita diversión, celebrando o Entroido con toda a comunidade.