Mondoñedo prepárase para acoller a Correlingua 2025 con 800 escolares

AMariñaXa
A cidade será o centro dunha xornada festiva en defensa da lingua galega, con actividades, música e carreira para os máis novos
a-mocidade-activa-correlingua-2025
31 Mar 2025

O Concello de Mondoñedo está a ultimar os preparativos para a celebración da Correlingua 2025, que terá lugar o vindeiro martes 20 de maio. O evento converterá a cidade nun espazo de encontro e diversión para os máis novos, coa lingua galega como gran protagonista da xornada.

Ao longo da mañá, preto de 800 escolares de distintos puntos da comarca participarán nesta iniciativa lúdica e reivindicativa. A xornada será presentada por Frank Rey e incluirá diversas actividades adaptadas a todas as idades. Os máis pequenos gozarán dunha sesión especial con Paco Nogueiras na Praza da Catedral, mentres que os estudantes maiores, tras completar o percorrido da carreira, poderán desfrutar da música en directo de Mecánica Rolling Band, tamén na praza catedralicia.

O alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero Legido, subliñou a importancia de celebrar eventos coma este para potenciar o uso e a transmisión do galego de xeración en xeración. “A lingua galega debe ser a protagonista non só desta festa, senón de todas as que celebramos”, declarou o rexedor, animando a toda a cidadanía a implicarse nesta xornada de convivencia e defensa do noso patrimonio cultural.

⚙ Configurar cookies
0.23394799232483