Mondoñedo prepárase para a súa VIII Papanoelada Moteira

A Praza da Catedral de Mondoñedo volverá encherse de motos, música e espírito solidario o domingo 21 de decembro con motivo da oitava edición da Papanoelada Moteira, organizada polo Moto Clube Mondoñedo Ruta N-634. A cita, xa consolidada como unha das máis esperadas do calendario moteiro da Mariña, combinará diversión, compañeirismo e acción social nun ambiente festivo que marcará o inicio das celebracións do Nadal na cidade mindoniense.
A actividade comezará ás 12:00 horas, cunha espectacular concentración de motoristas vestidos de Papá Noel que percorrerán as rúas de Mondoñedo a ritmo de motores e sorrisos. Tras o paseo, a praza converterase no epicentro da festa cunha sesión vermú aberta a todos os públicos.
O programa inclúe degustación de callos, sorteos, colchonetas para os máis pequenos e chocolate quente, nun evento pensado para reunir familias e afeccionados ás dúas rodas nunha xornada de convivencia.
Desde o Moto Clube Ruta N-634 sinalan que a Papanoelada é “unha maneira diferente e divertida de compartir ilusión e achegar o espírito de Nadal á xente”, ademais de contribuír a dinamizar o comercio e a hostalaría local nunha data de gran afluencia.
O colectivo agradece tamén o apoio das entidades colaboradoras e do Concello de Mondoñedo, que facilitan cada ano a organización desta cita que xa forma parte da tradición moteira e festiva da comarca.