Mondoñedo prepara un plan para captación de turismo de proximidade

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
21 Apr 2020

O Concello mindoniense, no marco da crise sanitaria provocada polo coronavirus, centra o seu traballo en, por un lado, axudar de todos os xeitos posibles aos veciños a superar esta difícil conxuntura, e, por outro, en deseñar e preparar a volta á normalidade tendo en conta as especiais circunstancias que se derivarán da loita contra o Covid-19. Un dos campos nos que traballa o goberno municipal, pensando no futuro a corto e medio prazo, é o do turismo.

O goberno municipal ten moi claro que, neste momento, o prioritario é dedicar canto traballo faga falta e cantos recursos hai dispoñibles a facer fronte á crise sanitaria, a axudar aos veciños a saír desta difícil situación. No equipo de goberno mindoniense sinalan que, ao mesmo tempo, traballan para preparar o día seguinte ao confinamento.

Pensando en que a economía no municipio de Mondoñedo sufra o menor deterioro e que se recupere coa maior rapidez posible, o goberno municipal prepara un plan de reactivación, que, coa adecuada coordinación entre todas as partes, resulte eficaz e sirva de estímulo para os distintos sectores. Nese sentido, o Concello de Mondoñedo traballa no deseño dun programa de actividades e de captación do turismo de proximidade para aplicar tan pronto como finalice o confinamento.

O Concello perfila o plan de turismo en coordinación coas redes nas que participa, como é o caso de Los Pueblos más  Bonitos de España, así como a Rede de Cidades Creativas de España. O Concello ten moi presente tamén a consideración de A Mariña como xeodestino e as oportunidades que ofrece o Camiño Norte.

O goberno municipal mindoniense está convencido de que a volta á normalidade implicará cambios nos usos turísticos, entre eles os relacionados coa seguridade sanitaria, no que resultará fundamental que non se trate dun turismo de masas. Esta é unha das fortalezas de Mondoñedo de cara ao turismo. Neste sentido recordan que o Camiño Norte nunca foi unha vía xacobea masificada.

No deseño das actividades, o Concello de Mondoñedo fará que o seu desenvolvemento se axuste estritamente ás indicacións e recomendacións das autoridades sanitarias.

Exención de taxas

No marco das medidas para superar a crise no aspecto económico, o Concello establecerá exencións nas taxas por recollida de lixo e instalación de terrazas durante un tempo para axudar á reactivación.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16959381103516