Mondoñedo premia aos mellores exemplares na feira das Quendas
Como cada primeiro de maio na localidade lucense de Mondoñedo tivo lugar a feira das Quendas. O responsable provincial Daniel García destacou o traballo das persoas e ganderías premiadas -maior número de exemplares na feira, mellores exemplares de Pura Raza Galega ou Percherón, cabalo mellor engalanado ou amazonas e xinetes máis novos e máis veteranos- e agradeceu a colaboración de todas as gandarías que participaron na feira e contribúen a prolongar esta tradición secular, que reflicte o peso da gandaría, e especialmente do gando cabalar, na Mariña interior.
O apoio ás Quendas, organizadas pola Asociación As San Lucas, encádrase na aposta da área de Rural por visibilizar a importancia da actividade agrogandeira como sector estratéxico na provincia e por promocionar as razas autóctonas e os seus produtos, ademais de valor o pouso cultural e histórico dunha feira gandeira cuxas orixes se remontan ao século XVI.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu á feira e fixo entrega de dous premios do concurso de gando. Neste acto, Gómez trasladou a súa felicitación aos galardoados, nas categorías de maior número de cabezas de gando cabalar e mellor poldro no 2024, e puxo de relevo a importancia que teñen os eventos destas características, que se configuran como escaparates ideais para exaltar os produtos tradicionais, as razas autóctonas e o sector primario galego.
Neste sentido, María José Gómez salientou a “aposta firme e consolidada” coa que conta o Goberno autonómico neste eido. Así, destacou as diferentes estratexias sectoriais postas en marcha pola Xunta, máis concretamente as dedicadas aos sectores lácteo e cárnico, configuradas como “dúas follas de ruta que contribúen a potenciar estes eidos e seguir afondando no desenvolvemento do agro galego”.