Mondoñedo organiza un obradoiro para coidadores principais centrado na saúde e no benestar

AMariñaXa
A sesión terá lugar o 26 de xuño no Pazo de Santomé e estará impartida pola enfermeira especialista Sara Val Vázquez
saf-manos-maiores-axuda
21 Jun 2025

O vindeiro xoves 26 de xuño ás 12:00 horas celebrarase na Sala de Conferencias do Pazo Santomé a primeira xornada formativa dirixida a persoas que exercen como coidadoras principais. A iniciativa, promovida polo Centro de Saúde de Mondoñedo en colaboración coa Consellería de Sanidade e co apoio do Concello mindoniense, busca ofrecer ferramentas útiles para o desempeño dunha tarefa tan esencial como complexa.

A encargada de impartir esta formación será a enfermeira especialista en Atención Familiar e Comunitaria Sara Val Vázquez, quen contará coa colaboración de persoal facultativo do propio centro sanitario local. O taller está aberto á participación de todas aquelas persoas interesadas na mellora da súa formación neste ámbito.

Durante a sesión abordarase unha ampla variedade de contidos prácticos e teóricos, entre os que se atopan cuestións como o autocoidado, a hixiene, o manexo de incontinencias e a prevención de úlceras por presión. Estes temas resultan fundamentais para garantir unha atención axeitada ás persoas dependentes e para coidar tamén a saúde física e emocional dos propios coidadores e coidadoras.

Desde a organización destacan que se trata dunha oportunidade valiosa para afondar nas dificultades que adoitan atoparse quen desempeñan estas funcións, así como para recibir orientación profesional que contribúa a desenvolver esta labor dun xeito máis seguro, eficaz e saudable.

O Concello de Mondoñedo e o seu centro de saúde convidan á cidadanía a participar nesta proposta formativa, que pon o foco nun dos piares máis silenciosos pero imprescindibles do coidado persoal e familiar: quen coidan.

⚙ Configurar cookies
0.18646287918091