Mondoñedo investiga o pasado altomedieval con novas escavacións en San Vicente de Trigás

As escavacións arqueolóxicas regresan este verán á aldea de San Vicente de Trigás, no concello de Mondoñedo, co obxectivo de continuar desvelando as pegadas que deixou a Galicia altomedieval. Entre o 25 de agosto e o 5 de setembro, un grupo de especialistas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballará en Combarro, na finca de Miguel Chao, veciño que cedeu o terreo de forma altruísta para o avance da investigación.
A intervención está dirixida pola investigadora Celtia Rodríguez, do grupo Síncrisis (USC) e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). Segundo explica, o propósito é “analizar en profundidade os espazos de produción doméstica xa detectados en campañas anteriores”, o que permitirá coñecer con máis detalle a organización, as prácticas produtivas e o modo de vida das comunidades rurais da época.
O profesor José Carlos Sánchez Pardo, da Facultade de Xeografía e Historia da USC e tamén membro do CISPAC, exerce como director científico do proxecto. Na súa opinión, esta é “unha oportunidade excepcional para comprender mellor a realidade rural dos séculos altomedievais, un período sobre o que aínda temos moitas incógnitas”.
Vestixios dunha sociedade autosuficiente
Nas dúas campañas precedentes, realizadas en 2023 e 2024, xa se identificara unha vivenda compartimentada, un forno datado entre os séculos V e VII e varias lareiras asociadas. Este ano prevese abrir tres novas sondaxes para precisar e ampliar a información recollida, afondando así no coñecemento dun espazo doméstico clave para entender a autosuficiencia e a diversidade das comunidades daquela época.
Sánchez Pardo destaca a relevancia patrimonial deste xacemento, xa que permite observar como os asentamentos se adaptaban á paisaxe e como os seus habitantes organizaban a vida cotiá nun tempo pouco documentado.
Divulgación e visitas abertas ao público
Un dos aspectos centrais desta campaña será a difusión. “O noso compromiso é compartir os resultados, tanto coa comunidade científica como coa veciñanza”, sinala Rodríguez. Para iso, realizaranse visitas guiadas e charlas no propio lugar das escavacións. Ademais, quen o desexe poderá seguir a evolución dos traballos a través da conta de Instagram @coidarq.
As visitas estarán abertas de luns a venres, entre as 10:00 e as 15:00 horas, convertendo así a intervención nun espazo vivo onde o público poderá coñecer de primeira man como se reconstrúe a historia.
Un proxecto colectivo
Esta campaña insírese en varias liñas de investigación. Por unha banda, forma parte do proxecto ESNECON, centrado nos escenarios de negociación e conflito en espazos comunais, liderado por Marga Fernández Mier (Universidade de Oviedo) e José Carlos Sánchez Pardo (USC). Tamén se vincula ao proxecto COIDARQ, dirixido por Celtia Rodríguez e financiado polas axudas posdoutorais da Xunta de Galicia, que analiza as sociedades rurais altomedievais desde a perspectiva de xénero.
O financiamento procede da Axencia Estatal de Investigación e da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A maiores, o equipo contará coa colaboración da empresa Tempos Arqueólogos, da asociación Sputnik Labrego, especializada no estudo das sociedades rurais do noroeste, e do establecemento Apartamentos Lumen Place de Mondoñedo, que tamén se suma ao proxecto.