Mondoñedo inicia os trámites para eliminar un punto inseguro no Couto de Otero

TerraChaXa | AMariñaXa
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e a familia Arias Sanmartín asinaron na notaría da localidade un acordo para a compra por parte do Goberno local da superficie precisa que permita eliminar un punto inseguro no Couto de Otero.
IMG_20181130_115312
9 Jan 2019

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e a familia Arias Sanmartín asinaron na notaría da localidade un acordo para a compra por parte do Goberno local da superficie precisa que permita eliminar un punto inseguro no Couto de Otero. Esta rúbrica permitiralle ao Concello a posta en marcha da primeira fase de intervención na zona, o que favorecerá humanizar o barrio e embelecer unha das entradas á cidade.
Desde o Concello mantéñense conversas con outros propietarios para seguir avanzando nestes traballos. O Concello prevé executar de maneira inmediata a demolición desta ruína.
O acordo asinado hoxe permitirá a demolición dun edificio e muro tradicionais situados no número 6 do Barrio do Couto de Otero na parroquia de Nosa Señora do Carme nunha parcela situada ao carón da traza do Camiño de Santiago do Norte, Ruta da Costa.
A alcaldesa, Elena Candia, explica que se fixo esta petición para eliminar un punto perigoso para a circulación e avanza que será a primeira actuación na contorna de Coto de Otero, “pero non a única que se levará a cabo para gañar espazo, eliminar riscos e incrementar a seguridade na zona”. A actuación de humanización ten como obxectivo ademais embelecer unha entrada a Mondoñedo dentro da delimitación do ben de interese cultural do Camiño Francés, declarado Patrimonio Mundial pola Unesco o 11 de decembro de 1993.
Patrimonio autoriza a intervención
O solo obxecto da actuación está catalogado como solo urbano fóra do ámbito do plan especial de protección e rehabilitación do conxunto histórico da Cidade de Mondoñedo. A autorización de Patrimonio constata que o edificio se atopa nun evidente estado de ruína técnica, xa que carece de tellado e os muros das fachadas están derrubados. Ademais, atópase invadido pola vexetación e carece de porta e fiestras. O inmoble, construído en 1880, ocupa unha parcela de 2.233 metros cadrados e linda polo norte, sur e oeste con vía pública, polo sur co Camiño de Santiago, e polo leste con outras parcelas de propiedade privada.
A autorización conta cun informe do Consello Asesor dos Camiños de Santiago no que se informa favorablemente á demolición posto que se trata dun inmoble “de moi difícil recuperación”. Precisa ademais que o ancheamento da vía resulta imprescindible para proporcionar máis seguridade ás persoas que a usen nun suposto excepcional como é a saída desde unha vía de alta capacidade (a A-8).

0.17156410217285