Mondoñedo homenaxea a Álvaro Cunqueiro no seu cabodano

O vindeiro venres 28 de febreiro, coincidindo co cuadraxésimo cuarto cabodano de Álvaro Cunqueiro, Mondoñedo acollerá diversos actos en lembranza do escritor. No marco desta conmemoración, farase entrega da distinción de entidade Cunqueiriana de Honra de 2025 á Editorial Galaxia, editora da maior parte das súas obras máis emblemáticas, como Merlín e familia, As crónicas do sochantre, O incerto señor don Hamlet, Príncipe de Dinamarca ou Os outros feirantes.
A xornada conmemorativa comezará ás 11:00h no Cemiterio Vello de Mondoñedo, onde se celebrará unha ofrenda floral ante a tumba do autor. Ao acto asistirán autoridades locais, provinciais e autonómicas, así como familiares de Cunqueiro, intelectuais da cidade e representantes da Editorial Galaxia. Como xa é tradición, tamén se depositará unha rosa vermella na tumba de Manuel Leiras Pulpeiro, outro dos grandes escritores mindonienses.
Despois, a comitiva trasladarase ao Salón de Plenos do Concello, onde terá lugar a cerimonia de entrega da distinción á Editorial Galaxia. O coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo, será o encargado de abrir o acto. A seguir, intervirá César Cunqueiro, fillo do escritor, quen pronunciará a laudatio da institución homenaxeada. Inmediatamente despois, un representante da Editorial Galaxia tomará a palabra para agradecer o recoñecemento. O evento pecharase coa intervención das autoridades presentes e a lectura pública dunha obra de Cunqueiro, que comezará a entidade distinguida e continuará con outras persoas asistentes.