Mondoñedo estrena o Nadal cun amplo programa cultural, musical e familiar

O Concello de Mondoñedo vén de presentar unha completa programación de Nadal que encherá as rúas, prazas e espazos culturais da cidade con música, teatro, tradición e propostas para todas as idades. As actividades prolongaranse desde o 12 de decembro ata o 5 de xaneiro, combinando cultura, lecer familiar e eventos xa consolidados.
Os actos arrancarán o venres 12, ás 18:00 horas, coa inauguración da exposición de fotografías antigas do mindoniense Pepe Pernas, que poderá visitarse na sala de conferencias do Pazo de San Tomé.
A programación continuará o xoves 18, ás 20:30 horas, cun recital de Nadal a cargo da Escola Municipal de Música “O Pallarego” no auditorio municipal. O día seguinte, venres 19, á mesma hora, o Ciclo de Teatro “Francisco Piñeiro” ofrecerá a obra Aire Fresco, interpretada polo grupo “Ardora” de San Ciprián.
O teatro regresará o sábado 20, tamén ás 20:30 horas, coa peza Asasinato na tenda de roupa, do Grupo de Teatro do Hospital de Lugo. Ese mesmo día, ás 13:00 horas, o Coro Mestre Pacheco animará a praza do Concello co seu concerto de panxoliñas Cantando ao Nadal.
A tradicional Papanoelada Moteira celebrará a súa oitava edición o domingo 21, desde as 12:00 horas na praza da Catedral, con sesión vermú, callos, inchables e chocolatada, nun evento organizado polo Motoclub Ruta-634.
A axenda relixiosa chegará o mércores 24, á medianoite, coa solemne Misa do Galo presidida polo bispo Fernando García Cadiñanos, e continuará o xoves 25, ás 12:00 horas, coa Misa de Nadal, que contará coa participación dos nenos da catequese. O venres 26, ás 20:00 horas, será a quenda da Banda de Música de Vilalba coa súa interpretación navideña.
O sábado 27 comezará ás 17:30 horas coa visita do Apalpador polas rúas do centro. Ás 19:00 horas abrirá o espazo Vila Nadal Mondoñedo, cunha oferta composta por foodtrucks, unha exposición dedicada ao universo Harry Potter, espectáculos infantís, musicais e postos de artesanía e produtos de tempada. Ás 20:00 horas, o Centro Cultural Santa Emilia acollerá o concerto O Alento do Barroco Alemán, a cargo de Manuel Morales e Avelino Vázquez, e xa de madrugada, ás 00:30 horas, celebrarase o Baile Pre Fin de Ano no Círculo Recreativo Casino.
O recinto Vila Nadal Mondoñedo reabrirá o domingo 28, ás 12:00 horas, permanecendo activo ata medianoite. Ás 12:30 horas será a quenda d’Os Bolechas, que visitarán a praza da Catedral, mentres que ás 18:00 horas o auditorio municipal acollerá o espectáculo musical Voces da Paula no Nadal. O espazo repetirá horario o luns 29 e o martes 30, día no que tamén se celebrarán ás 18:00 horas as precampanadas infantís cun concerto gratuíto das guerreiras “K-Pop”. Xa pola noite, ás 23:30 horas, terá lugar o Baile de Pre Fin de Ano coa orquestra Beatriz, acompañado de campanadas e cotillón.
O mércores 31 abrirase ás 11:00 horas coa Andaina de Fin de Ano pola Ruta da Auga e o Camiño de Santiago, un percorrido de 9 quilómetros con saída desde a praza da Catedral. Ás 23:59 horas repetirase unha das tradicións máis queridas, as Badaladas da Paula.
A programación pechará o luns 5 de xaneiro, coa Cabalgata dos Reis Magos. Pola mañá, Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán as parroquias, e pola tarde será o turno das rúas do casco histórico. A recepción oficial terá lugar ás 19:00 horas no auditorio municipal, coa colaboración da AC Pasatempo, que ofrecerá unha chocolatada ao finalizar.
Con esta oferta diversa, Mondoñedo propón un Nadal cheo de cultura, gastronomía, música e tradicións pensadas para compartir en familia.