Mondoñedo engalánase para celebrar a súa 4ª Feira de Abril

Mondoñedo converterase o vindeiro 19 de xullo nun recuncho do sur grazas á celebración da cuarta edición da súa Feira de Abril. A Praza do Concello será o escenario dunha festa que mestura tradición, música e cor, organizada polas asociacións Ruxe Ruxe e O Petisco de Mondoñedo, co apoio do comercio local e do Concello.
A xornada dará comezo a partir das 17:30 horas coa actuación do grupo “A La Deriva Flamenca”, que estará acompañado polo seu espectacular Cabalo Talabante, protagonista indiscutible do evento. Durante todo o día haberá bailes da man da Escola de Sevillanas de Mondoñedo, que ofrecerá exhibicións abertas a todo o público.
A ambientación non se quedará curta: os asistentes poderán gozar tamén de paseos en calesa, que engadirán un aire de época á celebración. Os organizadores convidan á veciñanza e visitantes a vestir roupa flamenca e a participar nunha xornada que pretende afianzar esta cita no calendario festivo mindoniense.
A Feira de Abril é xa un evento consolidado que enche as rúas de alegría, cores e música, promovendo a dinamización do comercio e da hostalería local. A colaboración especial da Hípica Celta contribúe ao éxito dunha festa que cada ano atrae máis público e participación.