Mondoñedo enche o verán de ilusión coa súa programación infantil

O Concello de Mondoñedo aposta forte pola cultura e o entretemento das familias cunha programación infantil que encherá o verán de espectáculos pensados para todos os públicos. Ata mediados de setembro, a cidade acollerá actividades escénicas, actuacións de humor, teatro e incluso un campamento medieval que converterán Mondoñedo nun referente de lecer para os máis pequenos.
En agosto a diversión o domingo día 3 ás 12:30, coa actuación de Patrullasos na Praza da Catedral. O grupo levará un espectáculo de humor cargado de personaxes exóticos, gargalladas e escenas imprevisibles, pensado para estimular a sorpresa e a complicidade do público familiar.
O sábado 9 e o domingo 10 de agosto celebrarase un dos pratos fortes da programación: o Campamento Medieval Infantil, con actividades de títeres e ambientación histórica na Praza do Seminario.
O sábado 13 de setembro, ás 18:00 horas, chega “Pasmo de Pedra”, unha obra da compañía Mircromina Teatro que se representará no atrio da igrexa dos Remedios. E como colofón, o luns 15 de setembro celebrarase o Día do Neno, cunha programación especial a partir das 18:00 horas.
Desde o Concello destacan que esta programación ten como obxectivo “ofrecer alternativas culturais, educativas e lúdicas para que as familias gocen do verán con propostas de calidade e adaptadas aos intereses da cativada”. Así, Mondoñedo reafírmase como un destino familiar que aposta pola cultura como eixo central da convivencia.