Mondoñedo e Lugo acollerán o Cumio Interautonómico dos Camiños do Norte
A Deputación de Lugo, acolleu a presentación do Cumio Interautonómico dos Camiños do Norte Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño, que se celebrarán en Mondoñedo, Lugo e Santiago de Compostela do 24 ao 26 de setembro.
O proxecto, impulsado pola Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo como parte da Agrupación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago do Norte, preséntase como un conxunto de mesas de traballo e reflexión onde se conxugan as experiencias e perspectivas do tecido asociativo e das administracións autonómicas e locais, nun diálogo aberto para situar o Camiño como un revulsivo económico, social e cultural que conte coa colaboración e cooperación imprescindible de todas as partes implicadas.
Coa implicación de 27 asociacións de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia, no encontro analizaranse temáticas moi diversas que van desde a acollida dos peregrinos e a hospitalidade a propostas sobre o trazado dos itinerarios xacobeos do norte, pasando pola historia e a memoria destas rutas.
O Auditorio municipal Pascual Veiga de Mondoñedo estreará o 24 de setembro o congreso cunha asemblea aberta que precederá unha serie de coloquios con representantes dos Gobernos de Navarra, Cantabria e Galicia, así como con historiadores, xornalistas e representantes de asociacións vinculadas ao Camiño.
A xornada que se realizará en Lugo o 25 de setembro no Auditorio da Delegación Provincial da Xunta de Galicia abordará a protección da saúde dos camiñantes, a análise do proxecto “Ultreya” dos efectos físicos e mentais das peregrinacións ou a doutrina mindfullness. Ademais, tratarase a investigación, promoción e divulgación dos Camiños de Santiago do Norte.
Santiago de Compostela acollerá a derradeira sesión o 26 de setembro, completando este Cumio coa participación dun total de cincuenta relatores, entre dirixentes das asociacións, expertos/as e estudosos/as da temática xacobea e representantes institucionais das catro comunidades do norte e do Xacobeo 2021-2022. Á marxe das sesións de traballo, as persoas participantes participarán en diferentes actividades e visitas culturais, e serán recibidos na Deputación Provincial de Lugo.
Camiños de Santiago do Norte
As Asociacións de Amigos e Amigas dos Camiños de Santiago do Norte organizan este Cumio Interautonómico co obxectivo de profundar na realidade, no momento actual e perspectivas de futuro deste vía de peregrinación e Itinerario Cultural Europeo.
O Camiño de Santiago está vivo e en constante transformación, mais existen moitos aspectos que precisan ser revisados, mellorados ou planificados. Neste sendeiro de responsabilidade compartida para unha xestión integral e transversal preséntase indispensable a unidade de acción para un futuro sostible e respectuoso co medio.
Os Camiños do Norte, o da costa e o interior ou Primitivo, foron declarados Patrimonio Mundial pola UNESCO en 2015.