Mondoñedo dedica unha rúa a Andrea López Chao, pioneira na defensa da educación e da saúde das mulleres na emigración en Cuba

AMariñaXa
A inauguración acompañouse da estrea dun documental e culmina un amplo programa de recoñecemento ao legado da mestra mindoniense
Rua-andrea-lopez-chao-mondonedo-2025
15 Sep 2025

Mondoñedo rendeu este sábado unha emotiva homenaxe a Andrea López Chao, mestra natural da cidade e pioneira na loita polo acceso das mulleres á educación e á saúde na emigración galega en Cuba. A súa figura, símbolo de compromiso social e pedagóxico, quedará para sempre ligada á cidade coa inauguración dunha rúa que leva o seu nome.

O acto contou coa presenza da deputada de Cultura, Iria Castro, e do deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, ademais da familia da homenaxeada. A descuberta da placa, na que tamén participou a bisneta de López Chao, Patricia Ares, serviu como colofón a un intenso programa de iniciativas desenvolvidas nos últimos catro anos por un grupo de traballo coordinado por Luis Ansedes, orientadas a recuperar e difundir o legado da mestra.

A xornada incluíu ademais a estrea no Auditorio Municipal do documental “Andrea López Chao. O poder de educar”, da realizadora hispano-cubana Violeta Ramos Valdés, unha peza audiovisual que afonda no papel transformador desta mindoniense no ámbito educativo e sanitario da comunidade galega emigrada en Cuba.

Durante o seu discurso, Iria Castro destacou a importancia de proxectar ás novas xeracións exemplos como o de López Chao: “Parabenizo a todas as persoas que fixeron posible este recoñecemento, ampliando o coñecemento do seu legado, documentándoo e proxectándoo para o futuro”, subliñou.

Con este acto, Mondoñedo afianza o seu compromiso coa recuperación da memoria colectiva e coa posta en valor das figuras femininas que, desde a emigración, contribuíron á mellora das condicións de vida e á igualdade de dereitos.

⚙ Configurar cookies
0.095820903778076