Mondoñedo dedica as XVIII Xornadas do Peregrino á mestra galego-cubana Andrea López Chao

AMariñaXa
A cita, que se celebrará o 15 de setembro, combinará tradición, música, gastronomía e un acto institucional de homenaxe
MONDONEDO-Presentacion-ANdrea-Lopez-Chao-Xornadas-abrindo-Camino-2025
2 Sep 2025

O Concello de Mondoñedo presentou hoxe a programación das XVIII Xornadas do Peregrino “Abrindo Camiño”, que este ano terán como eixo central a lembranza da mestra galego-cubana Andrea López Chao, destacada figura do galeguismo no exterior. A cita desenvolverase o luns 15 de setembro cun completo programa de actividades culturais e populares.

A celebración incluirá unha romaría na rúa que leva o seu nome, xogos tradicionais, un torneo da chave, actuacións musicais e un pasacalles que animará as rúas do centro histórico. O momento máis solemne chegará coa inauguración oficial da rúa Andrea López Chao e cun acto institucional no Auditorio Municipal “Pascual Veiga”, no que tamén se poderá ver a preestrea da mediametraxe documental Andrea López Chao: O legado dunha mestra galega en Cuba.

Durante a tarde, o público terá a oportunidade de gozar da proposta gastronómica da foodtruck de Galicia Sabe Amar, que servirá produtos pesqueiros dos portos galegos, convertendo a xornada nun espazo de encontro arredor da música, da tradición e do sabor.

A tenente de alcalde, Ángeles Rodríguez, subliñou que estas xornadas “son unha oportunidade para honrar a memoria dunha muller que fixo historia e que levou o nome de Galicia moi lonxe, ao tempo que reforzamos a identidade de Mondoñedo como cidade de encontro, cultura e acollida”. Engadiu que o programa “combina música, tradición, gastronomía e memoria, convidando tanto a veciños como a visitantes a gozar dunha xornada festiva e de convivencia”.

A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Mondoñedo, a Asociación Abrindo Camiño, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e diversas entidades e colectivos locais. Desde a organización fan un chamamento á cidadanía para participar nunha homenaxe que pretende manter viva a pegada de Andrea López Chao entre as novas xeracións.

⚙ Configurar cookies
0.18297791481018