Mondoñedo convoca unha nova edición do concurso “Debuxando en Igualdade” polo 8M

TerraChaXa | AMariñaXa
A iniciativa busca sensibilizar ao alumnado sobre a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero
8M-mondonedo-en-igualdade-2022
12 Feb 2026

O Concello de Mondoñedo, a través do seu Centro de Información á Muller (CIM), vén de lanzar unha nova edición do concurso “Debuxando en Igualdade e contra a violencia de xénero”, unha iniciativa enmarcada na conmemoración do 8 de Marzo que pretende promover a reflexión e a sensibilización entre a mocidade arredor da igualdade real e da erradicación da violencia machista.

O certame está dirixido ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria dos centros educativos de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza, Riotorto e Meira, convidándoos a expresar, a través do debuxo e da ilustración, a súa visión sobre a igualdade entre mulleres e homes e a importancia de construír unha sociedade libre de violencia de xénero.

Cada participante poderá presentar unha única obra, realizada en formato A4 ou A3, empregando técnicas libres de debuxo ou ilustración. O prazo para a entrega dos traballos permanecerá aberto ata o 13 de marzo de 2026, segundo recolle a convocatoria.

Desde o CIM destacan o valor educativo e social deste concurso, que permite traballar a igualdade e o respecto desde idades temperás, fomentando a creatividade como ferramenta para a concienciación. As bases completas do certame poden consultarse nas oficinas municipais e tamén a través das redes sociais do CIM Concello de Mondoñedo.

A actividade conta con financiamento con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, reforzando así o compromiso institucional coa prevención, a educación en valores e a igualdade efectiva.

⚙ Configurar cookies
0.078155994415283