Mondoñedo convoca o II Premio Álvaro Cunqueiro de novela

O Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo foi o escenario da presentación do II Premio Álvaro Cunqueiro de Novela, unha iniciativa impulsada polo propio Concello en colaboración coa Casa Museo Álvaro Cunqueiro e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O certame nace co obxectivo de render homenaxe á figura e ao legado literario do escritor mindoniense, ao tempo que busca estimular a creación literaria en lingua galega e favorecer a súa difusión.
O galardón contará cunha dotación económica de 5.000 euros, que se entregará de maneira indivisible a unha única obra gañadora. As persoas interesadas deberán presentar os seus orixinais por sextuplicado, a espazo e medio, con letra Arial tamaño 12, numerados e encadernados en rizo. A documentación deberá remitirse antes do 31 de outubro de 2025 ao enderezo do Concello de Mondoñedo (Praza do Concello, 1, 27740 Mondoñedo, Lugo).
O fallo do xurado farase público arredor do 22 de decembro, coincidindo coa data do nacemento de Álvaro Cunqueiro, nun acto que servirá tamén como recoñecemento á súa figura literaria. Deste xeito, Mondoñedo reafirma a súa condición de cidade literaria e a súa aposta pola cultura como elemento de identidade e proxección.