Mondoñedo convértese na capital das marionetas coa 23ª Escola Internacional de Verán

GaliciaXa | AMariñaXa
A iniciativa de Unima España e Galicia ofrece cursos con referentes internacionais e espectáculos abertos ao público ata o 13 de xullo
Marionetas-Mondonedo-23-Escola-Internacional-de-Veran-2025
3 Jul 2025

A cidade de Mondoñedo prepárase para acoller, desde mañá e ata o domingo 13 de xullo, unha nova edición da súa Escola Internacional de Verán, unha cita que chega á súa 23ª edición da man da Unión Internacional da Marioneta (Unima), Federación España e Unima Galicia, e que conta co apoio da Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

A programación foi presentada este martes na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, coa presenza do delegado territorial, Javier Arias; a tenente de alcalde de Mondoñedo, Ángeles Rodríguez; e o presidente de Unima Galicia, Ton Arenas.

A escola está pensada tanto para profesionais do sector coma para persoas afeccionadas ao mundo das marionetas, e ofrecerá tres cursos especializados dirixidos por nomes recoñecidos a nivel internacional. A especialista en monicreques de luva Paz Tatay centrará o seu curso na construción e manipulación deste tipo de figuras.

O dramaturgo e poeta Alberto Conejero, referente do teatro contemporáneo, impartirá formación sobre recursos dramatúrxicos para a posta en escena, mentres que a creadora teatral Rene Baker, coñecida polo seu traballo co teatro de obxectos, desenvolverá o curso titulado Dar vida á metáfora.

As sesións formativas terán lugar principalmente na Casa da Xuventude e no obradoiro da compañía mindoniense Mircromina Títeres.

Ademais da vertente formativa, a escola ofrecerá un amplo abano de actividades abertas ao público, pensadas para todos os públicos e repartidas por diferentes espazos da cidade. O Círculo Recreativo será un dos escenarios principais e acollerá espectáculos teatrais e musicais, así como obradoiros de marionetas, títeres de calcetín, teatro de sombras e outras propostas creativas.

Desde a organización destacan o compromiso de Mondoñedo co mundo do teatro de marionetas e o seu papel como punto de encontro internacional para os amantes desta arte escénica. A escola, xa consolidada como un referente formativo, permitirá compartir coñecemento, innovar e facer visible o traballo dun sector tan singular como apaixonante.

⚙ Configurar cookies
0.16215586662292