Mondoñedo contará co centro de interpretación de José Barro

AMariñaXa
En Mondoñedo será inaugurado o vindeiro día 25 o centro de interpretación de José Barro que estará situado no antigo cuartel da Garda Civil
centro interpretacion jose barro mondonedo
13 Aug 2021

O Concello de Mondoñedo e a Asociación de profesores de automoción de Galicia (Apaga) poñen en valor a figura do mindoniense José Barro González, creador das industrias Barro Chavín en 1896.A súa documentación técnica verá a luz grazas a un convenio de colaboración entre a empresa Hidrofersa de Chavín e a asociación Apaga. E será nun espazo que cede o Concello de Mondoñedo para a creación dun centro de interpretación da súa obra. Así, a través dos centos de traballos técnicos feitos nas instalacións de Barro Chavín, José Barro volve de forma simbólica ao seu lugar de orixe, onde pasaba todas as fins de semana xunto ao seu irmán Antonio que tiña unha fábrica de refrescos no lugar da Casa Blanca, en Viloalle, e onde quería ser soterrado.

Este centro de interpretación nace coa vontade de sumar colaboracións de distintas entidades e persoas que poidan aportar máis documentación ou materiais para ampliar este patrimonio sobre a industrialización de Galicia.

A documentación recolle a súa biografía e os seus traballos desde 1896 ata 1943 e o proceso de internacionalización da súa industria.

Emprendemento

José Barro era un home de familia humilde, sen recursos, que suplía a falta de formación coa súa intelixencia. Este mindoniense emprendedor creou a súa propia empresa que chegou a alcanzar os 300 empregados, a súa propia escola de aprendices e logrou establecer relacións con franceses, alemáns e ingleses ata chegar a ter unha delegación para vender os seus coches na Habana.

Os promotores deste proxecto afirman que “este mindoniense se converteu nun entusiasta pioneiro do automobilismo. 

A súa vida e o seu traballo son dignos de estudo”, subliñan. Así mesmo, destacan que foi “un gran traballador e emprendedor” polo que o poñen como exemplo a seguir tamén na actualidade.

De feito, o alcalde, Manuel Otero, explicou que “queremos ensinar ao mundo que Mondoñedo non só aportou persoeiros brillantes do mundo da cultura coma escritores ou músicos; senón que tamén ten historias moi destacadas nun eido no que hoxe é tan imprescindible: o emprendemento”.

Promoción do galego

Este proxecto desenvolverase en galego en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia co obxectivo de  promover o uso da lingua galega no ámbito tecnolóxico, entre a xente moza, os estudantes de automoción, os investigadores interesados na historia de Mondoñedo, etc.

José Barro González

José Barro González naceu en Viloalle, no lugar coñecido como Casa Blanca,  o 13 de febreiro de 1873, nunha familia humilde dedicada ao gando e aos cultivos. Formouse no comercio elemental e no coidado das árbores, aínda que o que lle atraía era a mecánica. Pasou unha temporada co seu irmán no taller de reloxos dun tío seu en Ferrol aprendendo moito de técnica de precisión.

Xunto ao seu cuñado, Ángel Durán, formou unha sociedade denominada Barro y Cia para adquirir as antigas instalacións da Basols y Compañía en Chavín. A súa actividade empresarial pasou pola instalación dos primeiros alumeados eléctricos en Viveiro e o servizo de liñas regulares de automóbiles entre Ribadeo e Ferrol por Viveiro e Ortigueira substituíndo ás carruaxes tiradas por cabalos. Fundou a empresa Automóviles del Noroeste que, posteriormente se fusionou con La Carrilana, de Baamonde, para pasar a denominarse La Ferrocarrilana.Posteriormente, José Barro consegue a concesión da representación da empresa francesa Torrilhon y De Dion-Bouton para Galicia, Asturias e León. Disposto a fabricar automóbiles cando só o facían en España na fábrica barcelonesa de La Hispano-Suiza, comeza a montaxe dos Dion-Bouton con pezas enviadas dende Francia e outras do seu taller Fábrica de Chavín.

Tamén abriu un taller para carrozado, con carpintería, tapicería e sala de pintura onde era ben recibido calquera cliente. José Barro logrou, así mesmo, a concesión do Concello de Ourol para construír unha nova central en Xerdiz. E outro espectacular logro seu foi a concesión para crear solo edificable cun recheo na rúa de Viveiro, deseñando e patentando unha grúa para este traballo.

centro interpretacion jose barro mondonedo 1
0.16687393188477