Mondoñedo conquista o primeiro premio de España Creativa coa súa aposta pola artesanía

O proxecto mindoniense Artesanía do Pasatempo vén de acadar o 1º Premio Red Eléctrica – España Creativa 2025, recoñecemento concedido no marco do I Encontro Nacional de Emprendedores Creativos, que se celebrou na Ribeira Sacra entre os días 26 e 29 de xuño.
A iniciativa foi elixida entre unha ducia de propostas procedentes de distintos puntos do Estado español. O xurado salientou o seu enfoque innovador e transformador, que pon en valor os oficios artesáns como motor de desenvolvemento cultural, social e económico no medio rural.
O proxecto premiado propón a creación do Centro Cultural Artesanía do Pasatempo, un espazo que terá como sede o barrio dos Muiños, en Mondoñedo. Este centro está concibido como un lugar de encontro entre tradición e vangarda, onde se ofrecerán obradoiros formativos, residencias artísticas, actividades didácticas e programas de creación contemporánea vencellados a disciplinas como a cerámica, a forxa, o gravado, a fotografía ou a xoiaría.
Aínda que o edificio principal está en proceso de rehabilitación, parte do proxecto xa está en funcionamento no Alfar Os Muiños, onde se fabrican pezas cerámicas, impártense cursos especializados e promóvese a conexión entre artesanía, territorio e comunidade.
O xurado puxo en valor a capacidade do proxecto para combinar saberes tradicionais con innovación, así como o seu forte carácter pedagóxico e o compromiso co rural como territorio cheo de potencial creativo. A entrega do galardón tivo lugar o sábado 28 de xuño no Hotel Cardenal de Monforte de Lemos, durante a gala oficial do Encontro España Creativa. O premio foi entregado pola tenente de alcaldesa de Monforte, Gloria Prada.
O evento contou co respaldo institucional da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo, do Ministerio de Cultura e doutras administracións locais e entidades da Ribeira Sacra.
Ao fronte desta iniciativa atópanse os artesáns Maica Juncal Cabaleiro e Marcelo Scapinachis Viacava, que levan anos desenvolvendo unha traxectoria sólida e complementaria. Maica é a creadora do obradoiro Artesanía do Pasatempo, especializado en bixutería cerámica e técnicas de Kintsugi, e participa activamente en feiras e mostras. Marcelo, pola súa banda, dirixe o taller Esquina Atlántica, recoñecido oficialmente polo Rexistro da Artesanía de Galicia co número 79 e activo desde 1991.
Xuntos están a impulsar agora a posta en marcha da cooperativa Esquina Atlántica Sociedade Cooperativa Galega, coa que prevén dar forma ao novo centro cultural e desenvolver outros proxectos arredor da cultura artesanal.
“Non queremos só conservar os oficios, senón facelos evolucionar”, defenden os impulsores do proxecto, que entenden a artesanía como un espazo de aprendizaxe, identidade e transformación.