Mondoñedo conmemora o 25N por medio de actividades
Un ano máis o Concello de Mondoñedo, a través do Centro de Información ás Mulleres, conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero por medio de actividades e actos institucionais para visibilizar e loitar contra a lacra que é a violencia contra a muller, máxima expresión da desigualdade de xénero.
Os actos centrais terán lugar o venres 25 de novembro de 2022. De 11.00 a 12.30 horas instalarase un punto informativo na Praza do Concello, onde se repartirá material relacionado coa temática e se imporá o lazo morado. Estes materiais son tanto de edición propia do Concello como facilitado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.
Ás 12.00 horas terá lugar a lectura do manifesto contra a violencia de xénero, a cargo de Conchy Hombreiro Piñeiro, directora do Centro Sociocomunitario de Mondoñedo. A continuación gardarase un minuto de silencio.
Ás 15.00 horas será a inauguración do “Banco Violeta da reflexión contra a violencia de xénero”, unha iniciativa de Mulleres en Igualdade de Burela (Bumei), levada a cabo en colaboración con diversos concellos da comarca. Para esta data está prevista a iluminación morada da Fonte Vella e da Casa do Concello.
Actividades ao longo de todo o mes de novembro
Como é costume no Concello de Mondoñedo, as actividades contra a violencia de xénero non se centran nun único día, senón que se estenden ao longo do mes de novembro. Así, estanse a realizar as seguintes actividades:
- Obradoiros no IES San Rosendo durante o mes de novembro:
- “Game Over. Sexismo virtual Off”, financiado cos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, dirixido ao alumnado de 2ºESO e que trata sobre os valores, modelos e estereotipos que transmiten os videoxogos máis populares.
- “Violencia de xénero nos novos contextos dixitais”, actividade organizada e financiada no marco do acordo de colaboración asinado entre este a Secretaría Xeral de Igualdade e a Federación galega de Municipios e Provincias de Galicia, para a conformación dunha rede de entidades locais contra a violencia de xénero, dirixido ao alumnado de 1º de ESO.
- Andaina da reflexión contra a violencia de xénero e ruta dos bancos violetas. O Concello de Mondoñedo participa na actividade organizada por Bumei que ten dous momentos clave: a andaina do domingo 20 de novembro e a inauguración do banco violeta de Mondoñedo, o venres 25 de novembro ás 15.00 horas.