Mondoñedo celebra o 41 cabodano de Álvaro Cunqueiro
O Concello de Mondoñedo organiza este luns, 28 de febreiro de 2021, os actos de homenaxe a Álvaro Cunqueiro na celebración do corenta e un cabodano do seu pasamento.
O desenvolvemento dos actos dará comezo no Cemiterio Vello, ás 11.00 horas coa recepción por parte do alcalde de Mondoñedo seguido da ofrenda floral ante a tumba do escritor e intervención por parte das autoridades.
Os actos seguirán no auditorio municipal Pascual Veiga coa primeira proxección pública do documental Cunqueiro. A grande ilusión, coa presenza do alcalde de Mondoñedo, do Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia Valentín García Gómez, do responsable de Ouvirmos Xosé Aldea, produtor do documental, do director do documental, Roberto Conde, e mais do Coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro Armando Requeixo.
Ás 12.45 horas dará comezo o Maratón de lectura pública da obra de Cunqueiro e despois será a presentación aos medios é ao público asistente das bases do Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa.
Estes actos de homenaxe a Álvaro Cunqueiro son públicos e celébranse observando as medidas sanitarias establecidas para a covid-19, co que os aforos serán limitados. A entrada ao auditorio municipal será controlada e permitirase acceso ao público ata completar o aforo posible dentro do cumprimento das normas anti-covid-19.