Mondoñedo celebra a creatividade cidadá no VII Concurso de Decoración de Nadal

AMariñaXa
Veciños, negocios e colectivos luciron o seu mellor espírito festivo e o xurado premiou as decoracións máis destacadas do municipio
MONDONEDO-Ganador-Casa-Individual-Barrio-do-Grove-decoracion-Nadal-2025
11 Jan 2026

O Concello de Mondoñedo deu a coñecer este sábado, 10 de xaneiro, os gañadores do VII Concurso de Decoración de Nadal, organizado pola Concellería de Cultura. Tras revisar todas as candidaturas presentadas na primeira semana do ano, o xurado destacou a implicación cidadá na creación dun ambiente festivo e acolledor que respecta o rico patrimonio histórico da localidade, pertencente á rede de Pueblos Más Bonitos de España.

A iniciativa busca que rúas, prazas, fachadas e parroquias luzan decoradas durante as datas do Nadal, fomentando a participación dos veciños, veciñas e colectivos locais, así como dinamizando a vida social, cultural e turística de Mondoñedo.

O xurado estivo composto por representantes da Mancomunidade da Mariña, do tecido asociativo local, da Federación de Comercio da Mariña (Fcam) e da Xunta de Galicia a nivel provincial, contando como secretario coordinador co concelleiro de Cultura e Xuventude, Alberto García, quen facilitou o material fotográfico e garantiu a validez da sesión telemática.

Tras a deliberación, o xurado decidiu conceder o premio na Modalidade Individual para particulares, dotado de 100 euros, a Jesús Basanta Villalba pola decoración da súa vivenda en Grove, 15, Vilamor. Na mesma modalidade pero para negocios, outorgouse o galardón, tamén de 100 euros, á Confitería La Alianza polo seu escaparate na rúa Progreso, 22. En canto á Modalidade Colectiva, no Casco Urbano premiouse ao Barrio dos Muíños, con 200 euros, pola súa capacidade de resaltar o patrimonio cultural do entorno, mentres que no rural o premio, tamén de 200 euros, foi para o barrio de Xercido, en Oirán. Ademais, o xurado decidiu conceder dúas mencións especiais: a “A Tenda de Neves” na categoría de negocios e á decoración da casa dos Muíños de Arriba, 35, na categoría de particulares.

O concelleiro de Cultura subliñou a importancia desta participación cidadá, lembrando que a colaboración de veciños e asociacións locais permite ampliar a decoración festiva máis alá dos espazos que o Concello podería abarcar só cos seus medios, reforzando colectivamente a imaxe de Mondoñedo durante o Nadal.

⚙ Configurar cookies
0.075918912887573