Mondoñedo arrinca as Quendas 2025 con exaltación do rural, razas autóctonas e produtos da terra

AMariñaXa
A conselleira do Medio Rural participou na apertura dunha das feiras máis antigas de Galicia, que combina tradición gandeira, gastronomía e cultura popular
Quendas-Mondonedo-2025-san-luqueiras
Presentación das Quendas de 2025
1 May 2025

Mondoñedo deu o disparo de saída á Feira das Quendas 2025, unha das citas máis emblemáticas e históricas do calendario festivo da Mariña lucense. A inauguración contou coa presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e do alcalde do municipio, Manuel Otero. Ambos destacaron o valor destas celebracións como motor de dinamización do rural e ferramenta para impulsar a identidade agrogandeira da comarca.

As Quendas, que teñen lugar coincidindo co comezo do mes de maio, teñen unha longa traxectoria que se remonta ao século XVI. Recuperadas nos anos 80, estas feiras volveron consolidarse como punto de encontro entre tradición e modernidade, cunha combinación de mercado gandeiro, exaltación gastronómica e actividades culturais que atraen cada ano a centos de visitantes.

O programa completo que comezou coa lectura do pregón no Auditorio Pascual Veiga, a cargo da xornalista Xulia Nogueira. Mañá será o día grande da festa, coa celebración da tradicional Feira de Gando Cabalar. Os asistentes poderán desfrutar da exposición de razas autóctonas e dos concursos morfolóxico de cabalo de pura raza galega e de andadura de cabalo marchador galego.

Un dos elementos centrais da festa é a promoción dos produtos locais, especialmente aqueles ligados á tradición agrogandeira galega. A avenida San Lucas, a alameda dos Remedios e o campo da feira acollen postos nos que se poden atopar delicias como empanadas, porco celta ou poldro, dentro da XLI Festa da Empanada, que tamén inclúe degustacións en varios establecementos hostaleiros.

A feira conta, ademais, coa colaboración de entidades como Asoporcel (criadores de porco celta), Boaga (Federación de Razas Autóctonas de Galicia) e Puraga (Asociación de criadores de cabalo de pura raza galega), que achegan valor engadido a un evento que cada ano medra en calidade e en público.

As Quendas convértense así nun escaparate para o mundo rural galego e nun espazo no que tradición, sabor e identidade camiñan da man.

⚙ Configurar cookies
0.17272591590881