Mondoñedo aproba os orzamentos de 2026 e consolídase como un dos concellos pioneiros en planificación

AMariñaXa
As contas municipais, centradas en Servizos Sociais e persoal, permitirán renovar vías, mellorar espazos públicos e garantir estabilidade financeira para o próximo exercicio
concello-mondonedo-edificio
Actualizada el 3 diciembre 2025, 12:56 horas
1 Dec 2025

O Concello de Mondoñedo deu un paso adiante na planificación económica ao aprobar en pleno os orzamentos municipais para 2026, situándose entre os primeiros municipios da provincia de Lugo en contar cun documento preparado con antelación. O Goberno local destacou que esta planificación foi posible grazas á estabilidade política e á maioría suficiente para presentar as contas sen atrasos.

O orzamento total ascende a 4.024.775,62 euros, dos que máis da metade, 2.602.939 euros, destínanse a Servizos Sociais e ao persoal municipal, unha decisión que o executivo considera “un investimento, non un gasto”. Entre as prioridades destacan a renovación do firme de vías urbanas e rurais, así como a conservación e mellora de espazos públicos, incluíndo actuacións nos baños da Alameda e na estación de autobuses.

O capítulo de gastos en bens correntes e servizos alcanza os 1.321.921 euros, e prevén 32.064,70 euros para investimentos reais. En canto aos ingresos, o Concello calcula 1.486.000 euros de impostos directos, 30.000 euros de indirectos, 780.811 de taxas, prezos públicos e outros, 1.565.500 euros de transferencias correntes e 67.421 euros de ingresos patrimoniais.

Segundo o executivo, estes orzamentos permiten planificar con antelación, garantir estabilidade financeira e continuar mellorando a calidade de vida da veciñanza, consolidando unha administración próxima e eficiente.

⚙ Configurar cookies
0.079218864440918