Mondoñedo acordará derrogar o imposto de plusvalía
A corporación municipal de Mondoñedo celebrará o venres, día 30, sesión plenaria na que tratará a derrogación da plusvalía.
A orde do día inclúe un total de oito puntos. No terceiro punto, o goberno municipal proporá a derrogación da imposición e ordenación do imposto de incremento do valor dos terreos de natureza urbana, o tributo popularmente denominado plusvalía.
Esta proposta arranca do convencemento do goberno municipal de que, na actual situación de crise sanitaria e económica, é o momento de baixar impostos e, pensando nas persoas, permitir que as familias poidan dispoñer da maior liquidez posible.
A suspensión da citada ordenanza municipal foi unha das propostas aprobadas por unanimidade na mesa de traballo creada con motivo da covid.
Outros dous asuntos de contido económico forman parte da orde do día do pleno do venres. Por un lado, unha proposta de aprobación inicial da suspensión da vixencia da ordenanza de cobro das taxas polo uso privativo do aparcadoiro do centro comercial Peña de Francia. Con esta medida, aplicable aos titulares dos negocios alí instalados, preténdese que teñan máis facilidades e, ao mesmo tempo, liberar espazos no entorno da praza de abastos. Igualmente, o Concello quere dar así tamén máis facilidades aos clientes, aos veciños que acoden a mercar a este centro comercial, así como aos negocios ubicados en Peña de Francia e Lence Santar.
Por outra parte, o pleno debaterá unha moción do grupo municipal do PP, partido que goberna en Mondoñedo, para instar ao Goberno a que ingrese as contías do IVE non liquidadas correspondentes ao exercicio de 2017 como consecuencia da implantación do subministro inmediato de información.