Mondoñedo acollerá unha xornada dedicada ao patrimonio e á tradición campaneira

AMariñaXa
Un concerto de campás en campanario móbil e a presentación da Asociación Cultural Pedregás centrarán a programación do 20 de decembro
Mondonedo-concerto-de-campas-2025
17 Dec 2025

Mondoñedo converterase o vindeiro sábado, 20 de decembro, no epicentro dunha xornada cultural dedicada á posta en valor do patrimonio histórico, natural e sonoro, coa tradición do toque manual de campás como fío condutor. A iniciativa incluirá un concerto de campás nun campanario móbil e a presentación oficial da Asociación Cultural Pedregás, recentemente creada coa finalidade de defender e divulgar o patrimonio local.

A programación dará comezo ás 12:00 horas na zona de Alcántara, onde terá lugar o acto de presentación da asociación. Neste primeiro encontro realizarase un toque manual de campás nun campanario móbil, unha experiencia que permitirá ao público coñecer de preto esta práctica tradicional. A mañá completarase cunha visita á parte final da antiga traída de auga de Pedregás, un elemento de gran relevancia histórica que se busca poñer en valor dentro do patrimonio mindoniense.

Xa pola tarde, ás 16:30 horas, as actividades trasladaranse á Praza da Catedral de Mondoñedo, escenario dun Concerto de Campás en campanario móbil concibido como unha proposta participativa e aberta a toda a cidadanía. A iniciativa permitirá que persoas de todas as idades, tanto nenos como maiores, poidan participar activamente no toque das campás, favorecendo a transmisión interxeracional dunha tradición profundamente arraigada.

Como complemento á xornada, organizarase tamén unha visita guiada ás campás Paula e Ronda, dúas pezas emblemáticas do patrimonio sonoro da Catedral de Mondoñedo, que forman parte da identidade cultural da cidade.

Co conxunto destas actividades, os organizadores buscan achegar á poboación o valor cultural, histórico e social do toque manual de campás, ao tempo que se dan a coñecer os obxectivos da Asociación Cultural Pedregás na protección e difusión do patrimonio material e inmaterial do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.076408863067627